Hosting por dinahosting.

Revisión bibliográfica

A permuta como instrumento para reducir a fragmentación

Fragmentación: concepto

Desde hai décadas, unha elevada fragmentación dos sistemas de propiedade da terra tense considerado un atranco de grande importancia para o desenvolvemento dun sector agrario potente (Binns, 1950). Na bibliografía recente existen numerosos traballos que establecen unha relación entre a fragmentación da propiedade e problemas de xestión das explotacións agrarias (p.ex. Rahman e Rahman, 2009; Manjunatha et al., 2013; Latruffe e Piet, 2014; Orea et al., 2015), ou das explotacións forestais (Rendenieks et al., 2015; Kilgore e Snyder, 2016). En todo caso, este tipo de relacións deben ser examinadas con atención aos casos particulares, dado que tamén existen exemplos nos que non foi posible establecer un vínculo entre unha maior fragmentación e unha menor eficiencia das actividades produtivas (Deininger et al., 2012). Por outra parte, algúns autores teñen resaltado o interese que as propiedades de pequena dimensión ‐particularmente das propiedades forestais‐ ten para a conservación da biodiversidade (Schaich e Plieninger, 2013). Como resultado, hoxe en día acéptase, de maneira xeral, que a redución da fragmentación non debe sempre ser un obxectivo das políticas públicas senón en varias situacións particulares: cando esta se propaga ao sistema de uso da terra e resulta nun alto grao de fragmentación da utilización; cando as parcelas resultantes son demasiado pequenas para ser cultivadas de maneira viable; ou cando as parcelas resultantes de cada explotación están moi afastadas entre si (FAO, 2003; Hartvigsen, 2014).

Seguindo a van Dijk (2003) podemos dicir que existen catro interpretacións posibles do concepto de fragmentación, que non son excluíntes entre si: que exista un elevado número de propietarios; que exista un elevado número de agricultores ou silvicultores; que non exista solape entre os dous grupos citados; e que existan moitas máis parcelas que agricultores ou silvicultores. Cada combinación posible das anteriores resulta nunha situación diferente que ten distintas implicacións de tipo ambiental, social e económico, polo que non deberían ser tratadas de igual modo. A concentración parcelaria, un proceso no que varias parcelas dun mesmo propietario se combinan para formar un número menor de parcelas de maior tamaño (FAO, 2003; Pasakarnis e Maliene, 2010; Pasakarnis et al., 2013; Lisec et al., 2014), só é útil nun destes casos (cando o número de parcelas por propietario é moi alto) pero non permite reducir a fragmentación noutras situacións (basicamente porque non reduce o número de propietarios).

 

A concentración parcelaria: vantaxes e problemas

Pese ao seu carácter central nas políticas públicas de xestión de terras en moitos países, os procesos de concentración parcelaria teñen sido obxecto de importantes críticas polas súas consecuencias de tipo social ou ambiental (p.ex. Crecente et al., 2002; Lisec et al., 2014; Kupidura et al., 2014). Trátase, por outra parte, de procesos de elevado custo económico que demandan tempos considerables: Lisec et al. (2014) mencionan 4‐5 anos de duración media; Crecente et al. (2002) afirman que poden chegar aos 10 anos. En todo caso, continúa sendo un instrumento que recibe considerable atención en diferentes partes do mundo, como se acredita polo elevado volume de bibliografía recente que se produce sobre o tema (p.ex. Cay e Iscan, 2011; Demetriou et al., 2012; Martínez et al., 2013; Borgwardt et al., 2014; Kupidura et al., 2014; Lisec et al., 2014; Uyan et al., 2015; Haldrup, 2015; Guanghui et al., 2015; Yan et al., 2015; Abubakari et al., 2016; Muchová et al., 2016).

Por outra parte, é un feito documentado na bibliografía que os agricultores e silvicultores tenden a adoptar, por si mesmos, mecanismos que lles permitan reducir a fragmentación das súas propiedades ou das terras que manexan. Normalmente emprégase unha combinación de compra e arrendamento que nalgúns casos permite formar unidades de cultivo suficientemente grandes (Vranken e Swinnen, 2006; Sklenicka et al., 2014). Polo tanto, parece razoable que as políticas públicas de reforma das estruturas agrarias traten de complementar a concentración parcelaria con outros instrumentos máis flexibles e facilmente adaptables a outros contextos, como por exemplo o uso de bancos de terras, ou a permuta voluntaria de parcelas ou de uso entre diferentes propietarios ou agricultores/silvicultores, nun esforzo por reorientar a súa actividade cara mecanismos máis próximos á comunidade (van Dijk e Kopeva, 2006; Sikor et al., 2009; Sikor e Müller, 2009).

 

A permuta entre múltiples participantes

A permuta de propiedade ou de uso entre múltiples participantes é un sistema empregado en diferentes países, ben en forma de acordos formais ou como acordos temporais de carácter informal. Nalgúns casos, a superficie transferida anualmente a través deste tipo de acordos pode igualar ou mesmo superar á superficie transferida mediante compravenda (man Hui et al., 2014), e noutros casos o sector público participa activamente (Segers et al., 2010; Hiironen e Niukkanen, 2014). Os beneficios potenciais asociados ‐en termos de redución da fragmentación‐, aumentan co número de participantes e co número de parcelas totais introducidas no proceso, pero isto supón tamén que o número de combinación posibles que é necesario avaliar crece de maneira moi rápida (Borgwardt et al., 2014). O uso dun sistema manual para calcular a combinación máis axeitada queda rapidamente descartado, e resulta preciso utilizar métodos de cálculo habituais na resolución de problemas de grande tamaño. Os algoritmos heurísticos parecen unha boa opción, e dentro deles os algoritmos xenéticos.

 

Métodos para obter solucións: algoritmos xenéticos

Un algoritmo xenético é un método de solución de problemas que imita o funcionamento da evolución natural, de onde toman o seu nome. O seu funcionamento comprende, basicamente, catro fases: prodúcese unha poboación inicial de solucións (neste caso, diferentes solucións de permuta); cada unha avalíase de acordo cunha función de aptitude (por exemplo, a distancia media entre as parcelas); as mellores solucións de entre o conxunto inicial utilízanse a continuación para producir unha nova xeneración de solucións posibles; e o ciclo repítese ata que se cumpre con algún criterio de parada. En xeral, trátase de algoritmos ben coñecidos e que teñen sido utilizados con anterioridade en moitos casos relacionados coa administración de terras ou o ordenamento territorial como, por exemplo, a asignación de usos do solo (Stewart et al., 2004; Aerts et al., 2005; Kai et al., 2009; Zhang et al., 2010; Suárez et al., 2011; Porta et al., 2013b; Stewart e Janssen, 2014; Liu et al., 2015), a delimitación automática de núcleos de poboación (Porta et al., 2013a), a planificación de espazos verdes (Balling et al., 1999; Xibao et al., 2006; Xin e Zhi‐xia, 2008; Vallejo et al., 2015), ou a reasignación de parcelas dentro da concentración parcelaria (Akkus et al., 2012; Demetriou et al., 2012; Uyan et al., 2015).