Hosting por dinahosting.

Infraestrutura Verde

  • Que é unha infraestrutura verde?

Unha infraestrutura verde é unha rede de zonas naturais, deseñada e xestionada para proporcionar un amplo abanico de beneficios e servizos ecolóxicos, económicos e sociais para as persoas, e que protexe a biodiversidade tanto dos espazos de valor ambiental como dos asentamentos rurais e urbanos.

 

Se pensas na natureza, imaxinas as carballeiras, as zonas verdes ou as sendas naturais que tes próximas. Estas áreas atópanse moitas veces conectadas entre si por bosques, zonas húmidas, rías ou ríos, creando un sistema maior. É a esta rede á que se denomina infraestrutura verde.

Ademais dos espazos naturais, tamén forman parte desta infraestrutura verde as rúas arboradas, as zonas verdes urbanas, os parques forestais, os sendeiros, e as áreas agrícolas e forestais que proporcionan outros beneficios ademais da extracción de recursos.

 

  • Por que unha infraestrutura verde?

Nas últimas décadas, a construción de redes de transporte, o aumento das zonas urbanas e periurbanas, o abandono das actividades tradicionais de usos do solo, como a agricultura, ou a expansión de plantacións forestais monoespecíficas provocaron unha fragmentación e redución das áreas naturais que servían de refuxio e hábitat dunha serie de especies de fauna e flora de importante valor ambiental. Estas transformacións producen ademais un aumento da contaminación de auga e aire, erosión de solos, aumento de incendios forestais e  degradación da paisaxe.

Crear e conservar unha infraestrutura verde e os ecosistemas que a compoñen, impulsados pola diversidade da vida que os habita, proporciona á sociedade unha cantidade de bens e servizos de gran valor e importancia económica, tales como a auga e aire limpos, almacenamento de carbono, polinización, etc. Tamén desempeña un papel fundamental na loita contra o cambio climático protexéndonos das inundación e de outras catástrofes ambientais.

 

  • Anatomía dunha infraestrutura verde

A infraestrutura verde está composta por unha rede interconectada de diferentes elementos  ambientais que inclúen: todo tipo de zonas verdes, parques, xardíns, vexetación silvícola e riparia, arborado urbano, tellados verdes, xardinería vertical, espazos naturais, … que forman parte e potencian os procesos ecolóxicos e xeran múltiples beneficios. Esta complexa rede natural  organízase en Núcleos e Corredores.

Os núcleos son os elementos centrais que fixan a rede da infraestrutura verde, zonas de alto valor en termos de biodiversidade (diversidade de especies vexetais e animais), que constitúen o orixe e destino nos movemento a través da rede da vida silvestre e os procesos ecolóxicos. Están formados xeralmente por espazos integrados dentro da Rede Natura 2000, bosques naturais (Fragas do Eume), ríos e bosques de ribeira (río Anllóns), rías e marismas (ría de Betanzos-Mandeo), ou tramos de costa (Costa Ártabra). Tamén algunhas terras agrícolas, forestais ou zonas verdes, poden constituír núcleos, sempre que proporcionen beneficios como a biodiversidade, o ocio, mitiguen as inundacións ou purifiquen a auga. Aquelas terras que só proporcionan a extracción de recursos ou as zonas verdes de baixo valor ambiental non poderían formar parte dunha infraestrutura verde.

Os corredores forman os enlaces que conectan os centros de maior valor ambiental (núcleos), e que produce que a rede da infraestrutura verde funcione. Estas conexións funcionan como condutos biolóxicos para a vida silvestre e ademais poden proporcionar oportunidades para o ocio ou incluso para conservar o patrimonio. Os ríos e regatos, os espazos silvestres ou pouco transformados, as zonas verdes conectadas por rúas arboradas e xardíns, poden integrarse como corredores dentro da infraestrutura verde.

Existen outros elementos ambientais, que sen formar parte da rede de núcleos e corredores, poden favorecer unha infraestrutura verde, pola mellora ambiental que supoñen ou o incremento da biodiversidade que producen. Os sistemas de xestión da auga sostibles con zonas de infiltración na cidade ou nos xardíns das casas, as cubertas verdes, ou os espazos silvestres ou zonas verdes de alto valor ambiental, poderían aínda sen estar conectadas mediante corredores beneficiar aos mesmos.

 

  • Elementos da infraestrutura verde

Son moitos e variados os elementos que poden integrar unha infraestrutura verde. Entre os máis comúns podemos atopar:

Zonas protexidas, como as que conforman a Rede Natura 2000.

 

Ecosistemas sans e zonas de alto valor ecolóxico, como chairas aluviais, zonas húmidas, costas, pradarías, bosques naturais, etc.

 

Elementos naturais de alto valor paisaxístico, como pequenos cursos de auga, redutos de bosque ou sebes que poden actuar como corredores verdes.

 

Zonas nas que se leven a cabo actuacións para mellorar a calidade ecolóxica e a permeabilidade da paisaxe.

Elementos urbanos, como parques, rúas arboradas e cubertas verdes, que alberguen biodiversidade e faciliten a conexión entre zonas urbanas, periurbanas e rurais, mellorando o funcionamento dos ecosistemas e os beneficios que proporcionan.

 

Elementos que favorezan a adaptación e a mitigación do cambio climático, como marismas, bosques de chairas aluviais e lagoas (para a prevención de inundacións, o almacenamento de auga e a absorción de CO2).

 

Partes de hábitats recuperados ou restaurados, ben para aumentar a extensión dunha zona protexida, ben para incrementar os lugares de alimentación, reprodución ou refuxio de determinadas especies ou ben para favorecer a súa migración ou dispersión.

 

 

Elementos artificiais, tipo ecoductos ou pontes verdes, deseñados para favorecer a mobilidade das especies a través de barreiras, como autopistas ou áreas asfaltadas.

 

Áreas multifuncionais, onde se promovan usos do chan respectuosos co medio ambiente; podería tratarse por exemplo de espazos nos que coexisten usos agrarios, forestais, recreativos e de conservación da natureza.

 

  • Beneficios

Os ecosistemas sans e a biodiversidade que os habita, xeran beneficios ambientais e sociais, de gran valor e importancia económica.

Minimizar os efectos do cambio climático

A infraestrutura verde mitiga as inundacións e as augas de tormentas, actúa como regulador térmico, reduce a erosión do solo, prevén incendios forestais, mellora a calidade das augas e calidade do aire, e na escala global fixa carbono e gases de efecto invernadoiro entre outros.

Rexenerar territorios

A limpeza do aire, filtrado do auga, captura de contaminantes ou rexeneración de solos, mediante bosques, zonas húmidas e outros sistemas naturais e mellorar a calidade da paisaxe.

Conservar a biodiversidade e a vida salvaxe

Proporciona e protexe hábitats que fomentan a diversidade de especies e dos ecosistemas.

Beneficios sociais

Xera espazos para o recreo e recursos de ocio (praias, ríos, zonas verdes e rutas de sendeirismo), fomenta as relacións sociais, a inclusión e a cohesión (asociacións e colectivos de ciclismo, sendeirismo, pescadores, …), ou promove uso comunitario dos terreos (hortas urbanas ou zonas verdes).

Crecemento económico, investimentos e provisións

Proporciona recursos e provisión para a sociedade, como: a auga, a pesca, o marisqueo, produtos da horta, carne, leite, madeira ou mel. Ademais, revaloriza as propiedades e xera empregos relacionados co ocio ou co mantemento da infraestrutura verde.

Saúde pública e benestar

Dispoñer dun medio ambiente ben conservado e protexido, axuda e mellora o benestar social e a calidade de vida. Dispoñer dunha infraestrutura verde mellora a saúde física, a fatiga mental, ou o estrés, motivado principalmente pola mellora da calidade ambiental, polo fomento de estilos de vida activos e saudables, pero de forma moi importante polo efecto beneficioso que ten o contacto ca natureza.

Beneficios culturais

A infraestrutura verde pode supoñer unha oportunidade para a conservación do patrimonio e dos usos tradicionais do territorio, ademais é unha fonte de inspiración para o arte, a arquitectura ou a enxeñería.