O proxecto pretende contribuír a aumentar a eficiencia e sustentabilidade ambiental e económica das explotacións agrarias. Buscaranse solucións ao problema da mala estruturación da base territorial das explotacións facendo uso das TIC, desenvolvendo un algoritmo que permita obter alternativas mellores para a organización espacial das parcelas dos membros de cooperativas agrarias ou para calquera agrupación de agricultores.
Dado un conxunto de agricultores cos seus correspondentes conxuntos de parcelas, a ferramenta informática permitirá unha reasignación do uso das parcelas entre os agricultores de maneira que, mantendo cada agricultor, en esencia, a mesma superficie, e sen modificar a propiedade, as súas parcelas estarían máis próximas entre si e máis próximas a cada explotación.
O axeitado dimensionamento das explotacións agrarias é clave para asegurar a súa viabilidade económica e ambiental. Os mercados agrarios están suxeitos a fortes variacións, e obrigan a reducir o nivel de inputs para conter os custes de produción. Na gandería de vacún iso pasa fundamentalmente polo adecuado dimensionamento da base territorial e a súa xestión eficiente. Porén, a estrutura territorial das explotacións gandeiras galegas é moi fragmentada, e as súas parcelas adoitan a posuír unhas dimensións reducidas (en comparación ás doutras explotacións doutras rexións gandeiras en Europa) e estaren dispersas.
Unha produción en base a pastos e forraxes propios, con parcelas cunha dimensión axeitada e accesibles, axudaría a incrementar o rendemento das explotacións e a revalorizar estas producións, reducindo os custes e dependencia das explotacións e incrementando a renda dispoñible, permitindo ademais unhas prácticas gandeiras compatibles co medio ambiente e unha axeitada xestión das terras (agrupación, aproveitamento conxunto, etc).
A estratexia europea de I+D en agricultura [Comisión Europea, 2015] identifica a incorporación das TIC como un dos catro elementos transversais básicos. Seguindo esta liña, neste proxecto abordarase o problema da dispersión das parcelas das explotacións mediante métodos informáticos e matemáticos.
Tríptico divulgativo do Proxecto do Grupo Operativo