Hosting por dinahosting.

Selección de variables

Selección de variables a integrar na aplicación informática

Variables que afectarían ao deseño do algoritmo

As dimensión das parcelas – canto maiores dimensións acade o resultado mellor. Os requirimentos de tamaño increméntanse a medida que nos afastamos da explotación.

A proximidade á explotación, condicionada ademais polo tipo de manexo (principalmente pastoreo – non pastoreo). As parcelas que lindan coa explotación son “INTOCABLES” na maioría dos casos, o que viría a reforzar o punto anterior.

O estado agronómico das parcelas – Debería facerse unha clasificación sinxela das parcelas en función da súa potencialidade (non tanto pensando na produtividade actual, moi dependente do manexo: abonado, variedades empregadas, etc. ).

Proximidade de fontes de materia orgánica no caso de parcelas afastadas da explotación pero mantendo un límite de distancia 15 ‐20 km á explotación.

A PAC pode supoñer un problema se non se xestiona de maneira axeitada, ó contar Galicia con 7 rexións diferenciadas (R.D.1076/2014, R.D. 1075/2014 e Regulamento (UE) nº 10307/2013 do Parlamento Europeo).

Variables que afectarían a introdución de datos no algoritmo ou a súa viabilidade

As parcelas arrendadas poden dar lugar a problemas – non implicaría modificacións no algoritmo, só introducir as parcelas que a explotación considere que pode permutar (sexan alugadas ou non). As relacións sociais condicionarían neste caso a viabilidade ou non da aplicación da ferramenta.

A pouca predisposición a participar – o número de participantes condicionará o resultado.

A realización de permutas só entre gandeiros parece unha traba naquelas zonas onde as explotacións foron pechando, ou teñen poucas perspectivas de continuidade (xente próxima a xubilación sen relevo xeracional). O mesmo sucede naquelas zonas onde os gandeiros xa foron permutando entre eles e queda pouco marxe de mellora.

Conclusións

A viabilidade da aplicación do algoritmo, unha vez consideradas as variables de deseño, virá condicionada esencialmente por variables alleas ao funcionamento do mesmo, e que se indicaron nos apartados anteriores.

Así a predisposición á participación de propietarios non gandeiros (moi condicionada a súa vez pola ordenación territorial e a competencia de usos), o dinamismo previo dos participantes no procedemento (se xa permutaron previamente entre eles ou non), ou a dispersión das explotacións, entre outros factores, serán variables esenciais a hora de acadar melloras significativas na base territorial actual das explotacións.

Como é evidente cantos menos propietarios / explotacións participen na permuta e canto menos intercaladas teñan as parcelas, peores resultados se obterán e por tanto menos viable será resultado obtido do algoritmo.

A modo de resumo, as principais recomendacións ó deseño e introdución de datos no algoritmo serían:

  • Que dos resultados se obteñan pezas da maior dimensión posible no menor radio de distancia a explotación posible.
  • Que permita a introdución de parámetros para poder facer unha valoración agronómica simplificada das parcelas.
  • Recoméndase o bloqueo (que non entren no proceso de permuta e sempre quedan asignadas ó titular orixinario) daquelas parcelas “intocables” para o gandeiro.
  • Obviar para esta versión a PAC e analizar as variacións sobre os resultados obtidos, de maneira que cada gandeiro manteña os dereitos necesarios en cada rexión.
  • Para futuras versións:
    • Introdución de parámetros que teñan en consideración a Política Agraria Común, e que optimicen o resultado.
    • Mellorar o rendemento en tempo: obter solucións máis rápidas con maior número de usuarios e parcelas.
    • Analizar como introducir outras variables que dificulten a continuidade das parcelas (máis aló da colindancia): cerramentos de parcelas, cursos de auga, etc.

Tanto a información cartográfica das parcelas e explotacións das zonas piloto, como as variables identificadas de maior relevancia polos gandeiros son enviadas ao Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña, para que integren os factores no deseño da ferramenta informática e realicen as probas necesarias cas parcelas das explotacións seleccionadas.