Hosting por dinahosting.

Mellora nas aplicacións de xurro

Deseño de ferramentas para minimizar o impacto sobre o medio natural nas aplicacións de xurro de explotacións de porcino [Expediente FEADER 2016/55B].

Enlace: Agriculture and rural development > Financing the Common Agricultural Policy (FEADER)

combinación_logos_porcino

Resumo

O presente proxecto ven definido pola problemática que teñen as explotacións de gando porcino, en xeral en Galicia, derivado da necesidade de xestionar as elevadas cantidades de xurro que producen, neste clima chuvioso, podendo provocar nalgúns casos problemas ambientais derivados da utilización de doses moi elevadas de forma reiterada en terras de cultivo.

Búscase a innovación nos sistemas de xestión de subprodutos das granxas de porcino, sendo máis eficientes no aproveitamento dos xurros xerados na explotación. O estudo de distintos tipos de explotacións porcinas na zona das Mariñas-Betanzos servirá para o coñecemento en profundidade do problema e para deseñar unha ferramenta de xestión SIX, para aportar aos gandeiros a información de xestión necesaria para o almacenamento e a posterior aplicación dos xurros, nas terras adicadas a tal fin, de forma correcta.

Grazas á ferramenta deseñada os gandeiros poderán xestionar de forma máis eficiente o almacenamento de xurros e coñecerán as condicións de aplicación de xurro óptimas para cada caso, tendo en conta os usos do solo e as condicións metereolóxicas, ao tempo que permitirá monitorizar o proceso por parte das administracións con competencias ambientais (Augas de Galicia, concellos, Consellería de Medio Rural, etc…).

Xustificación

A evolución do sector porcino nos derradeiros anos derivou nunha importante intensificación dos sistemas de produción, o que permitiu mellorar o rendemento nas explotacións de porcino, cun inseparable incremento dos subprodutos xerados nas explotacións porcinas, que se revela como o principal factor limitante do crecemento deste sector, pois o uso que se viña facendo dos puríns no sector agrario extensivo, fundamentalmente asociado ao abonado de cultivos e forraxes para alimentación do gando, está cada vez máis restrinxido debido á redución da superficie agraria en beneficio da superficie forestal.

O problema actual na xestión destes puríns deriva da súa produción en grandes volúmes, en lugares non sempre axeitados e xeralmente en pequena extensión superficial. Ademáis, isto ten consecuencias para a economía das empresas do sector polos altos custes de xestión posterior, que en moitos casos, proceden casi exclusivamente do custo do seu transporte a zonas alonxadas.

Sen embargo, en ocasións o problema é que as superficies máis próximas nas que se poden aplicar os xurros poden estar adicadas ao aproveitamento forestal. Deste xeito, complicase o proceso de aplicación debido a que nestas parcelas non se pode facer de maneira eficiente e uniforme, realizándose dita aplicación en puntos concretos da parcela, o que pode ser considerado como vertido e non como  aplicación para abonado.

Unha solución a este problema pasaría polo fomento da colaboración entre explotacións para que os subprodutos inservibles nunha explotación poidan ser aproveitables como abono noutras. Tamén é necesario realizar unha boa xestión da auga de bebida e de limpeza e un correcto prantexamento das fosas exteriores para evitar dilucións por auga de choiva, reducindo deste xeito os problemas de manexo.

O obxectivo deste proxecto é o deseño dunha ferramenta SIX que permita xestionar os xurros, conectando con explotacións con terra que poidan empregalos como fertilizante orgánico, ademáis de monitorizar ambientalmente os posibles impactos.

Obxectivos do proxecto

O principal obxectivo do proxecto é o deseño dunha ferramenta SIX que permita:

  • Almacenar toda a información de agricultores, gandeiros, analíticas, incidencias e históricos de xestión.
  • Planificar as operacións de distribución dos puríns.
  • Emitir informes relativos á trazabilidade dos movementos de xurro, conforme ás esixencias da administración.
  • Interactuar con dispositivos electrónicos de control instalados nos vehículos, tipo GPS, para optimizar e monitorizar as rutas e momentos de aplicación.

Coa información almacenada na aplicación poderanse establecer as recomendacións axeitadas para tentar:

  • Reducir o volume de xurros nas  explotacións de porcino, desenvolvendo protocolos para unha correcta xestión das augas dende a súa orixe e que poidan ser aplicados noutras explotacións semellantes.
  • A definición de solucións conxuntas de almacenamento eficiente e flexible dos xurros, que permita un aproveitamento óptimo no eido agrario. Tamén se poderá analizar as posibilidades de aplicación do xurro en terreos abandoados, que poidan ser recuperados para o cultivo, e así diminuir o risco de incendios.
  • Monitorizar a xestión dos puríns por parte das administracións públicas (Augas de Galicia, Sanidade, Medio Ambiente, Medio Rural, Concellos): permisos, incompatibilidades, etc.

Actores participantes

  • Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos

Accións

  • Revisión bibliográfica sobre a temática relacionada co proxecto.
  • Caracterización, clasificación e xeorreferenciación de 12 explotacións de gando porcino, situadas na área de influencia da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, así como das parcelas que conforman a base territorial de cada explotación.
  • Recollida de mostras de xurro nos distintos ciclos de produción das explotacións caracterizadas
  • Realización da analítica de xurros, previamente recollidos en función das tipoloxías das explotacións, co obxectivo de determinar o valor fertilizante dos mesmos.
  • Toma de mostras de solo nas parcelas asociadas a cada explotación, e que contan con permiso para a aplicación de xurros.
  • Determinación do nivel de fertilidade nas terras receptoras do xurro procedente das explotacións de gando porcino seleccionadas.
  • Elaboración dunha base de datos onde se estruture toda a información necesaria para a creación da ferramenta SIX.
  • Desenvolvemento da ferramenta para a xestión de xurros de porcino.
  • Posta en funcionamento da ferramenta SIX.
  • Divulgación dos resultados do proxecto no ámbito rural e científico.
  • Xestión do proxecto.