Volver a noticias

A ASOCIACIÓN MARIÑAS-BETANZOS APROBA SEIS PROXECTOS LEADER PARA OS CONCELLOS

14/1/2022

O importe de axudas a proxectos non produtivos de Concellos, aprobado pola Asociación Mariñas-Betanzos para as anualidades 2018 e 2019, ascende a 189.254,53 euros.

A Xunta Directiva da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, na súa reunión do 10 de xullo, ten acordado aprobar o financiamento de diferentes proxectos non produtivos impulsados polos Concellos. Os proxectos aprobados, son:

COWORKING PADERNE.

Proxecto promovido polo Concello de Paderne para a creación dun espazo de traballo compartido, Coworking, nunha antiga escola unitaria.

Con este proxecto, o Concello de Paderne quere apoiar ás persoas emprendedoras que se establezan no seu territorio e deste xeito contribuír a fixar poboación e a incentivar a actividade económica no rural.

Os investimentos deste proxecto ascenden a 57.152,73.-€. contando cunha axuda de 51.437,46.-€.

CREACIÓN DE AULA DE INFORMÁTICA EN ARANGA.

Proxecto promovido polo Concello de Aranga que ten como obxectivo a creación dunha aula de informática para dar un servizo TICs á veciñanza de Cambás.

A creación dunha aula de informática vai facilitar a obtención de información e coñecemento a través das novas tecnoloxías, sen ter que acudir a centros de ensino situados a longa distancia. Por outra banda vai axudar a que os cidadáns poidan utilizar os servizos online, axudando a crear novas iniciativas que poden contribuír a fixar poboación no rural e a mellorar a súa economía.

Os investimentos deste proxecto ascenden a 27.465,08.-€. e contará cunha axuda de 24.718,57.-€.

ADAPTACIÓN DE LOCAL SOCIAL PARA ACTIVIDADES LÚDICAS EN ABEGONDO.

O Concello de Abegondo promove este proxecto, dirixido a adaptar un local social para o desenvolvemento de actividades lúdicas na parroquia de Sarandóns.

Este local destinado a Centro Social, quérese acondicionar para que sexa utilizado pola veciñanza como un espazo  de encontro e de desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e de ocio.

Os investimentos deste proxecto ascenden a 60.447,81.-€. e contará cunha axuda de 42.313,47.-€.

CENTRO SOCIAL XUVENIL PARA CAMBRE NA CASA ARRIGADA.

O proxecto, promovido polo Concello de Cambre, está dirixido a adaptar a Casa Arrigada, un edificio modernista catalogado pola normativa municipal, para ser utilizado como centro xuvenil municipal,  con zona para o traballo e dinamización das asociacións xuvenís do municipio e como lugar de encontro da mocidade, onde poderán desenvolver actividades autoxestionadas.

Os investimentos deste proxecto ascenden a 51.440,67.-€. e terá unha axuda de 36.008,47.-€.

MELLORA DE BIBLIOTECA NO LOCAL DE TOXIÑO.

O Concello de Aranga promove este proxecto co obxectivo de mellorar o equipamento dunha biblioteca no lugar de Cambás (Aranga), xa que a biblioteca actual non conta co espazo necesario para un servizo de calidade á poboación.

Os investimentos deste proxecto ascenden a 17.596,15.-€. e contará cunha axuda de 8.798,08.-€

CUBRICIÓN DE PISTA DE PÁDEL.

O proxecto promovido polo Concello de Carral que consistirá na cubrición de dúas pistas de pádel para incrementar a súa utilización ao longo do ano, especialmente nos meses de inverno.

Os investimentos deste proxecto ascenden a 51.956,99.-€., contando cunha axuda de 25.978,50.-€