Un dos principais atributos con capacidade de outorgar calidade diferenciada a un produto agroalimentario é a súa relación co territorio onde ten lugar a produción. Este concepto persegue unha conservación dos recursos locais que permita a sustentabilidade económica do tecido agroempresarial implicado.
Unha das vías dirixidas a garantir a orixe e calidade dun produto son as marcas de orixe, que son un instrumento de enorme validez para identificar e poñer en valor as especificidades territoriais. Na actualidade, a ADR Mariñas Betanzos conta cun selo de calidade con capacidade para exercer de paraugas a un amplo abano de produtos e servizos.
A marca proposta constará dun Regulamento de Uso ademais de pregos de condicións específicos por cada tipoloxía de produtos ou servizos a amparar. Estes pregos de condicións deberán recoller aqueles parámetros e especificacións técnicas a cumprir por aqueles produtos con posibilidade de amparo pola Marca. Nun primeiro momento está prevista a incorporación de tres pregos de condicións para as producións de: viño, produtos hortícolas e lácteos (queixos, leite fresco e xeados).
Documentos:
GUÍA AGROALIMENTARIA DA RESERVA DE BIOSFERA
GUÍA DE PRODUTOS AGROALIMENTARIOS DE EXCELENCIA DA RESERVA DE BIOSFERA
CALENDARIO DE PRODUTO DE TEMPORADA
Marketplace "MERCADO DA BIOSFERA":
MERCADO DA BIOSFERA
Recentemente, desde o Organismo Autónomo Parques Nacionais, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, tense procedido á inscrición na Oficina Española de Patentes e Marcas a marca “Reservas de la Biosfera Españolas”.
Por medio dunha licenza de usos desta nova marca, preténdese destacar e diferenciar determinados produtos e/ou servizos dentro dos territorios recoñecidos como Reservas de Biosfera no territorio español.
A concesión da licenza de uso sería deste xeito responsabilidade do Organismo Autónomo Parques Nacionais, a través do cumprimento do Regulamento de Uso da Marca, mentres cada Reserva da Biosfera deberá fixar os requisitos específicos para os produtos e/ou servizos da súa reserva e responsabilizarse do seu control e seguimento.
Desde a Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” estase a traballar na adaptación do Regulamento e Pregos da marca para o cumprimento simultáneo desta protección adicional. A través dos seguintes enlaces accédese á documentación vinculada aos mesmos:
Créase coa finalidade de diferenciar, engadir valor, promocionar e difundir os recursos locais, produtos e servizos que potencien as actividades económicas tradicionais e a economía social no marco da sustentabilidade do territorio amparado.
O emprego da marca Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo agroma co obxecto da promoción e defensa da calidade, garantía e orixe dos produtos da área da Reserva, obtidos a partir dun saber facer responsable e respectuoso co medio ambiente.
A Reserva de Biosfera como figura de recoñecido prestixio avalada pola UNESCO deberá servir como vínculo do conxunto dos valores dos produtos amparados e, ao mesmo tempo, como reclamo cara o consumidor.
O fin último da marca é do da diferenciación dos seus produtos e/ou servizos.
1. A adopción da marca por parte dun conxunto de produtos/servizos proporcionará:
Valores de: volume, homoxeneidade e estabilidade de subministro.
Maior facilidade de obtención de recursos para servizos ou tarefas.
2. Os usuarios da marca contarán co apoio da imaxe corporativa da mesma, que axudará á súa identificación e asociación coa Reserva de Biosfera.
3. Esta imaxe da marca faise extensible ao etiquetado, packaging, cartelería, mer-chandising …
Co obxectivo de aumentar a súa capacidade de penetración no mercado e potenciar a súa imaxe, a marca da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo adherirase á futura marca da Rede de Reservas de Biosfera Españolas. A Rede de Reserva de Biosfera Españolas está integrada polo conxunto das 47 reservas designadas pola UNESCO no conxunto do estado. A súa coordinación está asumida polo Orga-nismo Autónomo Parques Nacionais (OAPN) do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Ao igual que no caso da imaxe corporativa da propia marca, os produtos adheridos poderán empregar tamén o logotipo desta outra marca de máis amplo rango.
O Club de produto turístico Reservas da Biosfera Españolas é un método destinado a xerar un produto turístico diferenciado polo seu emprazamento en territorios que ostentan a distinción de Reserva de Biosfera e nos que é posible coñecer e gozar do seu patrimonio natural e cultural.
Como no caso da marca da Rede de Reservas de Biosfera, o club atópase auspiciado dente o Organismo Autónomo Parques Nacionais, véndose reforzado coa implicación do Instituto de Turismo de España “Turespaña”.
As empresas adheridas á marca da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (produtores primarios, agroindustrias ou restauración) terán acceso directo a optar pola súa integración no Club de produto turístico, que á súa vez outorga o dereito á inclusión no Club de ecoturismo español, distinción equivalente á Carta europea de turismo sostible. Na rede de establecementos adheridos se potenciará o consumo de produtos da Reserva de Biosfera.
A marca, a través do equipo técnico da Reserva, ofrecerá un servizo de asesoramento continuo a todos os seus asociados, tanto en aspectos xenéricos como de cara a atender necesidades particulares ou específicas.
Este asesoramento complementarase con actividades formativas puntuais (cursos, xornadas, seminarios) nas que se abordarán aqueles aspectos máis relevantes e demandados polos asociados e nos que se contará con expertos de contrastada valía e solvencia.
A información e apoio de cara á candidatura de axudas e subvencións abordarase dende distintas vertentes:
-As empresas adheridas veranse beneficiadas no seu conxunto das axudas ás que consiga concorrer e ser obxecto de concesión por parte do ente xestor da marca.
-Dende o equipo técnico manterase informados aos asociados daquelas convocatorias que poidan ser do seu interese. De ser así solicitado, o equipo técnico prestará de maneira individualizada o apoio necesario para a elaboración e presentación da documentación pertinente.
-Fomentaranse e dinamizaranse iniciativas de desenvolvemento (fomento do asociacionismo, catálise de proxectos, novas iniciativas,…
Se os produtos que elaboras cumpren os requisitos e condicións de uso da marca e logotipo da Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e ten interese na súa adhesión á mesma, podes enviarnos unha Declaración de Interese en Adherirse á Marca a info@marinasbetanzos.gal ou ponte en contacto co noso equipo técnico para aclarar todas as dúbidas.