Volver a noticias

A Reserva de Biosfera lanza como experiencia turística o descenso en kaiak polo Mandeo

14/1/2022

Será un roteiro de 8 km por Betanzos, Coirós, Paderne, Bergondo, Miño e Sada

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras  do Mandeo impulsa experiencias turísticas vinculadas ao territorio. No seu papel de entidade xestora do xeodestino, a entidade aposta polo lanzamento de produtos que aproveiten as potencialidades dos municipios que a conforman á vez que resulten atractivas para os visitantes.

O 14 de xullo realizouse a presentación da primeira destas experiencias: o descenso (ou ascenso segundo as mareas) polo río Mandeo en kaiaks. Ao acto acudiu o presidente da Reserva, José Antonio Santiso, acompañado da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, o concelleiro de Turismo de Betanzos, Pablo Beade, o concelleiro de Turismo de Miño, José Manuel Pantín, técnicos da Reserva e o representantes da empresa que desenvolve o produto, Mar Mar  Outdoor.

O roteiro será de 8,3 km. Ten tramos polo río, a ría e mesmo por mar aberto, combinando as distintas paisaxes naturais que ofrece o territorio. O participante pode gozar de  meandros, de patrimonio como o paso de Mariñán, ou as marismas.

Será unha experiencia dunhas dúas horas de duración. Agora poderase acceder a ela desde a propia empresa, pero posteriormente poderase encargar desde a Central de Reservas Turísticas que poñerá en marcha As Mariñas Coruñesas.

Santiso apuntou que coa iniciativa “queremos poñer en valor  as bondades  do  noso territorio  á vez que  apoiamos ou empresariado local”. O presidente incidiu na necesidade de “ desestacionalizar” o turismo como base para xerar actividade económica na comarca.

Xunto a este produto, lánzase tamén un roteiro por Paderne con visita e degustación de tés na empresa  Orballo, adherida á marca de calidade da Reserva.