Volver a noticias

A Reserva executa os traballos de recuperación de dous enclaves da Ría de Betanzos ao seu paso por Bergondo

14/1/2022

• Forman parte do proxecto  Life Fluvial, que pretende mellorar o estado de conservación dos corredores fluviais da Rede Natura.
• A actuación consiste na retirada de especies invasoras e dos materiais dos antigos campos de tiro e de fútbol de Miodelo para devolver os terreos á marisma.
• Representantes do  Concello de Bergondo, da Reserva e da USC supervisaron a evolución das obras.

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras  do Mandeo está a executar os traballos de restauración, recuperación e xestión sostible de dous enclaves na Ría de Betanzos ao seu paso por Bergondo, concretamente en Miodelo.
Unha actuación que agora ve a luz pero que xa se iniciou hai anos cando a Reserva de Biosfera, o  Concello de Bergondo e a Demarcación de Costas uníronse para analizar as posibles propostas a presentar para o ‘ Life Fluvial’, un programa ambiental europeo de mellora do estado de conservación dos corredores fluviais da Rede Natura.
Neste caso concreto centrarase na restauración de dúas áreas degradadas que abarcan 40.000 metros cadrados de terreo e que corresponden ao antigos campo de fútbol e de tiro do  Concello de Bergondo. Alí restauraranse os hábitats naturais no corredor  fluvioestuarino eliminando o material de recheo existente e  reforestando con arboledo autóctono, eliminando as especies invasoras. Onte mesmo  Autoestradas do Atlántico colaboraba na retirada de invasoras que había no noiro e tallando algúns eucaliptos de gran tamaño.
Está previsto que os traballos finalicen a final de ano e que, a partir dese momento, queden listos para que o público en xeral poida achegarse a coñecer a marisma, a súa vexetación e a súa fauna. Tamén vai utilizarse como un recurso máis de educación ambiental no que se organizarán actividades dirixidas aos escolares dos centros educativos que están dentro da Reserva.