Está a levarse a cabo con entidades de actividades turísticas, de transporte adaptado e accesible, produtores agroalimentarios e restaurantes e aloxamentos da Biosfera
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo impulsa a formación para empresas locais e crear así novas experiencias de Ecoturismo neutras en carbono.
Están a levarse a cabo con entidades de diferentes ámbitos, como a de actividades turísticas, de transporte adaptado e accesible, produtores agroalimentarios e restaurantes e aloxamentos da Biosfera.
As empresas participantes están a mostrar as súas ganas por innovar, formarse e ser máis sostibles nas súas actividades. Por iso, son un elemento fundamental da Reserva de Biosfera.
Este compromiso das entidades vese reflectido nunha alta participación nas formacións, tendo mesmo que desdobrar os módulos formativos.
Ademais de fomentar unha xestión responsable, tamén se persegue o obxectivo de promover a responsabilidade social nas empresas que pertencen á Marca de Calidade de Mariñas Coruñesas.
Á súa vez, realizaranse consultorías e avaliacións individualizadas por empresa, para asegurar a mellora continua e ser un destino de primeiro nivel nos próximos anos.
O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, estivo presente na inauguración da formación e tras ela destacou a “relevancia dunha formación desde a base para impulsar que o territorio da Reserva sexa unha zona de 0 emisións”, salientando que “é o camiño que debemos seguir nos próximos anos”.