A Xunta de Galicia estreará este mes un novo programa de voluntariado ambiental que, a día de hoxe, xa esgotou as 228 prazas ofertadas para poder participar nalgunha das 20 actuacións proxectadas nos próximos meses en diversos espazos naturais.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, presentaron este luns 3 de maio o programa no Parque Natural Monte Aloia, un dos lugares que acollerá esta iniciativa, impulsada por ambos departamentos.
Ángeles Vázquez adiantou que están programadas accións nos seis parques naturais da Comunidade; no Parque Nacional das Illas Atlánticas; nas reservas da biosfera Terras do Miño, na do Eo, Oscos e Terras do Burón, na das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e na do Xurés-Gêres; así como noutros espazos protexidos polo seu valor medioambiental, como os ZEC Ancares-Courel e Canón do Sil ou o Xeoparque Montañas do Courel.
En cada unha delas, o traballo dos participantes consistirá, basicamente, na realización de tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou catalogación de fauna e flora. Precisamente, o novo programa comezará esta fin de semana no Xeoparque —o único declarado pola Unesco no noroeste de España— e prolongaranse ata o mes de setembro. No caso concreto do Monte Aloia as accións de voluntariado están programadas para os días 13, 14 e 15 de agosto.
Máis información: