Onte pola maña, o Castelo de Santa Cruz acolleu o acto de irmandamento entre a reserva coruñesa e a súa homónima da Palma.
No encontro estiveron presentes o presidente de As Mariñas, José Antonio Santiso, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que incidiu na necesidade de fomentar “o intercambio, as sinerxias e a eficiencia” entre este tipo de entes.
Actualmente, As Mariñas está a colaborar activamente na constitución dunha nova reserva na Ribeira Sacra.
O Castelo de Santa Cruz acolleu onte, venres 15 de marzo, o acto de irmandamento entre a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a súa homónima da Palma. Ao encontro acudiron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente de As Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes. Durante o evento, a conselleira puxo de exemplo á entidade coruñesa, “unha das máis dinámicas, e da que tiraremos para incrementar o número de reservas en Galicia”. Baixo esta premisa, As Mariñas Coruñesas está a colaborar activamente na creación dunha nova candidatura na zona da Ribeira Sacra.
Así, a pesar da súa curta historia -en 2019 cumpren o seu sexto ano de vida-, a Reserva coruñesa está a lle trasladar a súa experiencia e os seus coñecementos aos concellos de Ribeira Sacra para facer efectiva a constitución desta nova candidatura.
Ademais da conselleira e Santiso Miramontes, no acto estiveron presentes o xerente de As Mariñas Coruñesas, Jorge Branco, o secretario do Comité Español do programa MaB da Unesco, Francisco José Cantos, o vicepresidente da Reserva da Palma, Francisco Javier Paz Expósito, o director executivo da mesma, Antonio San Blas Álvarez, e o xerente do CEIDA, Carlos Vales.
Durante o evento, Santiso Miramontes recalcou o compromiso de As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo por seguir colaborando con outras reservas de biosfera: “Sei que cada reserva é un mundo, pero é a forma de traballar o que nos une a todas”.
A alianza entre ambas as Reservas de Biosfera materializouse a través da firma dun convenio entre Santiso Miramontes e Paz Expósito. Este acordo supoñerá que ambos os territorios compartan experiencias, estratexias e coñecementos. En concreto, o obxectivo compartido por ambas é axuntar esforzos para promover o turismo sustentable: “Queremos acceder ao turista de calidade, respectuoso co medio ambiente e que queira visitar os nosos espazos naturais”, explicou o xerente de As Mariñas.
Así mesmo, outro dos obxectivos que As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo márcase a medio prazo é converterse en destino SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos), promovendo accións e iniciativas que atraian a un turismo de calidade e respectuoso coa contorna.