Ana Saavedra, presidenta da Asociación Mirabal, será a encargada de ler o manifesto contra a violencia de xénero que pechará no GDR Mariñas -Betanzos a andaina: ‘O rural, contra violencia de xénero’. Os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia uníronse para realizar actos que visibilicen unha mensaxe: ‘O rural, contra violencia de xénero’. De maneira simultánea realízanse mañá, sábado 13/11/21 andainas por toda Galicia. No caso do GDR Mariñas – Betanzos a andaina unirá a Igrexa de San Martiño de Tiobre e a Praza da Constitución no municipio brigantino.
A inscrición está aínda aberta no link https://forms.gle/k5Qfnnp4D9iakmdL6. As persoas participantes reuniranse no punto de saída a as 11:30 horas para proceder a unha repartición de agasallos e iniciar a camiñada xuntas. Xa na praza da constitución, sobre as 13:00 horas procederase a tomar unha fotografía conxunta e á lectura dun manifesto que é igual en todos os territorios galegos que se suman a esta iniciativa. A persoa encargada en Betanzos de dar lectura ao texto será Ana Saavedra, presidenta da a Asociación Mirabal, que precisamente traballa no apoio, acompañamento de vítimas e concienciación sobre a violencia de xénero en varios municipios que se integran no GDR Mariñas – Betanzos. O seu ámbito de actuación é, en boa parte, rural.
A proposta de AGADER, axencia dependente da Consellería do Medio Rural, e en colaboración coa Secretaría Xeral para a Igualdade e a Axencia de Turismo de Galicia, os 24 GDRs galegos levan a cabo unha serie de actos simbólicos buscando a eliminación da violencia de xénero da nosa sociedade. Un dos obxectivos destas accións é darlle visibilidade ás mulleres que residen en poboacións rurais galegas.
O xoves 25 de novembro conmemórase o Día Mundial da Eliminación da Violencia contra a Muller. Os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia uníronse para realizar estas andainas dentro dun proxecto contra a violencia de xénero que coordina AGADER cos 24 GDR’s, e que conta con financiamento da Xunta de Galicia, a través do convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Emprego e Igualdade, froito do Pacto de Estado en Contra da Violencia de Xénero.