A responsable do programa de alimentos da oenegué en España, Celsa Peiteado, participou xunto coa catedrática de Tecnologia dos Alimentos da USC, Ángeles Romero, nun encontro virtual sobre o novo modelo alimentario en Europa organizado para celebrar o aniversario da Reserva da Biosfera mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo
«O modelo alimentario que temos que seguir é o saudable. En Europa ou en calquera outro lugar. O que temos que facer é adaptalo a cada zona. Educar sobre alimentación e adaptar ese modelo saudable aos nosos alimentos propios». Esa foi a resposta que a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos e directora da Cátedra do Pan, Ángeles Romero, deu á pregunta que expuña o título do segundo encontro virtual organizado pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia ( Ceida), para conmemorar o sétimo aniversario da entidade. Nesa liña tamén virou a formulación da responsable do programa de alimentos de WWF España e coordinadora do proxecto LiveWell for LIFE, Celsa Peiteado Morais, quen aclarou algúns dos malentendidos que se estenderon sobre o consumo de carne e que meteron no mesmo saco á procedente de animais criados en intensivo con métodos de tipo industrial e a daqueles que, pola contra, crecen en granxas en extensivo onde os animais están ao aire libre.
En liña co que recomenda a estratexia Da granxa á Mesa, promovida pola UE, dixo que «hai que comer menos carne, pero que a que comamos sexa carne de calidade, procedente de gandería extensiva. Isto é moi importante porque á hora de buscar culpables do cambio climático meteuse toda a produción gandeira no mesmo saco».
Neste sentido, distinguiu entre a gandería industrial que ten aos animais estabulados, «alimentados con soia importada de terceiros países que, en moitos casos, causa problemas de deforestación neses estados». Doutra banda está, como dixo, «un modelo totalmente diferente, que en Galicia coñecedes moi ben, que é o da gandería extensiva, o dos rabaños nos campos. Esa cabana gandeira que pasta e que contribúe á loita contra o cambio climático porque son eses pastos onde máis CO2 acumúlase no terreo». Ademais, lembrou «que non podemos permitirnos que desapareza ese modelo de produción sostible porque compite no mercado con carne baixo custo».
É por iso que a carne de calidade producida nesas ganderías forma parte desa dieta saudable que recomendou Ángeles Romero. Durante a súa intervención detallou precisamente como é ese tipo de alimentación. E deu nove craves: Ha de achegar todos os nutrientes que necesita unha persoa. Ha de adaptarse ás necesidades de cada individuo porque non todos temos as mesmas características, non só físicas, tamén sociais ou culturais. Ha de ser suficiente tanto a nivel de macronutrientes como de micronutrientes. Ten que ser tamén equilibrada. Ha de ser segura. Satisfactoria porque ten que gustarnos o que comemos. Pero ademais ten que se alcanzable. E como modelo citou o prato de Harvard, segundo o que o 50 % ten que estar composto de froita e vexetais; outro cuarto de hidratos de carbono, desde cereais (mellor que sexan integrais, a pasta ou arroz), mentres que o último cuarto restante ha de estar composto de proteína de calidade.
Pero foron moitas máis as cuestións que saíron a relucir neste encontro. Desde como o consumo de produtos de tempada favorece ao medio ambiente porque reduce a pegada de carbono e, ademais, contribúe ao desenvolvemento rural ao promover aos produtores locais. A detallar o traballo que se realiza desde o proxecto LiveWell desde onde, entre outras cousas, trátase de mostrar como a alimentación pode contribuír a fomentar a biodiversidade e, por tanto, frear as pandemias. Nese sentido, un exemplo claro é o traballo que se realiza desde a Cátedra do Pan coa recuperación de variedades de trigo autóctono ou o fomento da rotación de cultivos nos campos onde se produce a materia prima para elaborar un pan de masa nai propio de Galicia. Pero o foro que pode verse en Youtube dá para moito máis.