Volver a noticias

Concurso «Receitas da Biosfera»

14/1/2022

Introdución

Entre os principais obxectivos do Programa MAB atópanse os de fomentar a sustentabilidade e o desenvolvemento socioeconómico dos territorios, incrementar o consumo dos produtos de proximidade, e manter a cultura e as tradicións populares. Neste senso, a gastronomía tradicional pode xogar un papel clave para cumprir estes obxectivos e difundir a calidade dos produtos orixinarios dos territorios, axudando ao desenvolvemento económico da poboación mediante a promoción turística.

A gastronomía do noso territorio e, sobre todo as receitas tradicionais, atesouran á vez a sabedoría popular acumulada durante séculos no uso dos recursos e os valores nutricionais e organolépticos dos seus produtos. Desta forma, as “receitas da avoa” poden reunir, nun sinxelo anaco de papel, unha valiosa información gardada a través dos anos sobre a elaboración dun prato que, ao degustalo, poidan lembrar o saber das tradicións e os aromas e sabores peculiares de cada territorio.

Neste senso, dende a Secretaría do Comité MaB (MaB: Home e Biosfera), a través do Organismo Autónomo de Parques Nacionais do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, están desenvolvendo o proxecto denominado “Recetas/Menús da Biosfera”, co obxectivo de fomentar a sustentabilidade e incrementar o consumo dos produtos de proximidade, ademais de difundir a cultura e as tradicións populares a través da posta en valor da cociña local. Por esta razón, co fin de recoller nun libro receitas tradicionais da Rede Española de Reservas de Biosfera, se brinda a oportunidade de que as 48 Reservas de Biosfera de España poidan participar nesta recompilación.

Sendo conscientes do papel protagonista que xoga a gastronomía e a súa vinculación directa cos produtos e tradicións, dende a Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” tense manifesto o interese de participar neste proxecto e en colaboración co Comité MaB España, organízase o Primeiro Concurso de “Receitas da Biosfera” nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Obxectivos

Fortalecer e visualizar a gastronomía local vinculada ós produtos do territorio dos 17 concellos da Reserva de Biosfera (Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Culleredo, Curtis, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza- Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado).
Difundir a calidade das variedades locais e das producións de tempada deste territorio.
Revalorización das receitas tradicionais como parte do patrimonio cultural da Reserva de Biosfera.
Promover o consumo dos produtos locais a través da elaboración de receitas.
Acadar, mediante un proceso de participación pública, as mellores receitas do territorio, as cales poderán formar parte no futuro dos Menús da Biosfera, os cales se poderán degustar nos restaurantes e hoteis adheridos á Marca de Calidade da Reserva de Biosfera MCeTM.
Fortalecer a relación entre a gastronomía, o turismo e o apoio e desenvolvemento dos pequenos produtores agrarios.

Para máis información pódese consultar as Bases do concurso.

Preme neste enlace para presentar a tua receita Presenta a tua receita .