O Programa LEADER (2007-2013) permitiu coller o relevo das actuacións e dinámicas existentes no territorio durante o período anterior (2000-2006) asumindo o impulso dos proxectos xerados desde a Asociación de Terra das Mariñas e da Fundación Comarcal de Betanzos, deseñando e aplicando un programa de desenvolvemento rural acorde coas necesidades do territorio e onde se incorporará a participación das entidades locais e de todos os sectores da cidadanía. O apoio a proxectos desde o Programa LEADER (2007-2013), conseguiu avanzar na diversificación económica das zonas rurais, mediante a prestación de novos servizos e a mellora da calidade de vida, así como iniciar procesos de cambio de mentalidades ao respecto da “volta” ao rural. As axudas contribuíron a pechar ciclos no sector agrario e forestal, potenciando a transformación dos novos produtos, aumentando o seu valor engadido e aproveitando de forma sostible os recursos do territorio. Así mesmo, animou o xurdimento de novas producións innovadoras no eido agrario. O Programa conseguiu promover inversión privada mediante o efecto panca das axudas (por cada euro de axuda mobilizáronse máis de euro e medio das entidades), o que resulta moi salientable coñecendo a crise e as dificultades económicas existentes nos últimos anos. O deseño dun Plan de Xestión no ámbito da conservación e a potenciación dos valores naturais, materializouse en maio de 2013 coa declaración da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que foi a guía sobre a que se construíron as diversas accións e liñas de traballo deseñadas e o eixe central da estratexia territorial nestas áreas. A promoción da formación para potenciar o emprendemento verde e a agricultura ecolóxica é un claro exemplo desta aposta. Durante este período, a Asociación Mariñas-Betanzos converteuse nun elemento dinamizador do seu ámbito, máis alá dun mero ente xestor de axudas. O traballo en rede cos axentes involucrados no desenvolvemento rural mediante colaboración e cooperación permanente (Concellos, técnicos, asociacións, fundacións, cooperativas, empresas, organizacións sen ánimo de lucro, outros Grupos de Desenvolvemento Rural, Grupos de Acción Costeira, etc.), fixo que a Asociación funcionara como un elemento de unión das entidades privadas e públicas do territorio e motor de novas iniciativas locais, redes de cooperación, foros, actividades e proxectos conxuntos que motivaron a dinamización, a innovación e a mellora da gobernanza territorial. LEADER funcionou coma a ferramenta que permitiu iniciar outras dinámicas no territorio, xerando proxectos piloto adaptados ás necesidades e aos novos retos que se abren relacionados co emprego e o desenvolvemento sostible. Ten servido tamén para conectar o territorio co “exterior”, establecendo lazos e proxectos de cooperación con outros territorios a nivel europeo.
Para mais información pica no enlace.
Programa LEADER 2007_2013_version reducida