Volver a noticias

GALA FINAL DO PROGRAMA DE EDUCACIÓN AMBIENTAL ” EDUCANDO NA BIOSFERA”

14/1/2022

O pasado 31 de maio de 2019, tivo lugar na Casa da Cultura “Pintor LLorens”, de Sada, a Gala final do programa de Educación Ambiental ” Educando na Biosfera”, impulsado pola Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Esta foi xa a terceira edición dende o seu arranque, inicios nos que só dous centros piloto participaban: o CEIP Sada e Contornos e o CEIP Pedro Barrié de la Maza (ambos no Concello de Sada). Actualmente, ademais de Sada, tamén se adheriron a este Programa concellos como Abegondo, Betanzos e Culleredo, aos cales nas vindeiras datas se sumarán outros concellos das Mariñas Coruñesas. Trátase dun programa que se está a consolidar ano a ano, flexible, participativo e que trata de superarse e innovar en cada edición. Neste Curso Académico 2018/ 2019 participaron no Programa 15 centros educativos da contorna, recibindo educación ambiental e sendo o fío conductor
do Programa a Reserva de Biosfera. Máis de 2.000 persoas se beneficiaron directamente deste Programa formativo que trata de visibilizar que significa o desenvolvemento sustentable, e no que unha parte fundamental é o compromiso e a colaboración activa do alumnado, profesorado, equipos directivos dos centros educativos implicados, así como dos concellos participantes. Trátase dun programa educativo eminentemente práctico, que trata de reforzar e complementar os coñecementos teóricos desenvolvidos nas aulas.

Nesta última edición, consolidouse a oferta temática e a participación de toda a comunidade educativa dos concellos implicados, incluindo a alumnado de educación primaria, secundaria e bacharelato. Respecto ó Programa do ano anterior, neste curso académico 2018/2019, incrementáronse e diversificáronse as temáticas que se ofrecen ós centros, aumentouse o número de alumnos/as e de aulas participantes en cada centro educativo, o número de expertos que se acercaron ás aulas, así como melloráronse as experiencias prácticas, materiais e visitas demostrativas que ofrece o Programa.
Desde “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” estamos convencidos da importancia de sensibilizar e educar en valores a toda á sociedade, pero especialmente á xuventude. E é aí onde afondaremos, buscando vixiantes ambientais da Biosfera nos centros educativos. Vemos que é necesario continuar e incrementar o traballo neste eido, permitindo que a Reserva de Biosfera conviva cos cidadáns dende a súa primeira etapa educativa. Para conseguir todo esto, é fundamental empezar desde abaixo, dende os máis cativos, sensibilizándoos en materia ambiental para lograr que nun futuro a sociedade persiga a sustentabilidade e que coas súas actuacións non comprometa as xeracións futuras.

Ademais, dito Programa recibiu loanzas de representantes da UNESCO, como tamén suscitou o interese doutras Reservas de Biosfera de España para a súa implantación nos seus respectivos territorios, os cales viñeron expresamente a este territorio, a coñecer esta experiencia de primeira man.

Ademais, nesta Gala final, presentouse un libro que recopila o que foi o Programa educativo neste último ano, e tamén ilustra a súa evolución e progreso dende os seus inicios.

Pincha aquí, libro recopilatorio:
http://marinasbetanzos.gal/wp-content/uploads/2019/06/Libro-Educando-na-Biosfera_medios-dixitais.pdf
Libro Educando na Biosfera_medios dixitais