Un proxecto de emprendemento da Reserva recibe o I Premio Leader pola súa innovación turística
Cabanas de Canide recibiu o distintivo o 27 de xullo de 2020 de mans do presidente de Mariñas Coruñesas
Un dos proxectos de emprendedores de Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo no ámbito turístico foi galardoado nos primeiros Premios Leader que organiza a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia. Trátase das Cabanas de Canide, en Oleiros.
O presidente da Reserva, José Antonio Santiso, entregou o premio á emprendedora, Mar Carrillo. Ao acto tamén acudiu a primeira tenente de alcalde de Oleiro, María José Varela.
O proxecto consistiu na construción dunha pensión de tres @estrella en madeira, con altos estándares de calidade semellantes a cabanas nórdicas. Convértese así nun sinal de identidade diferenciadora dos xa existentes.
O investimento no complexo foi de 299.881,10 euros. A contía da subvención ascendeu a 130.000 euros.
Santiso apuntou no acto que é “fundamental” a dinamización turística da Reserva con iniciativas emprendedoras como esta. “Queremos poñer en valor o noso territorio como fonte de turismo e de desenvolvemento económico”, afirmou, destacando a “excelencia” do proxecto que mereceu este premio.
O Premio Leader, correspondente á convocatoria de 2019, distingue no campo do turismo a elementos dinamizadores do medio rural. Ten en conta a contribución á creación de emprego local, a participación activa da muller, da mocidade, a innovación ou a orixinalidade, entre outros criterios.