A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo chegou a Fitur coa súa idea de turismo baseado na combinación de patrimonio natural e cultural con “experiencias inesquecibles” no propio territorio. A súa proposta de ecoturismo, único destino en Galicia con esa certificación, é a formulación que hoxe despega desde a principal feira do sector a nivel internacional.
O presidente, José Antonio Santiso, o vicepresidente, César Longo, o presidente da Asociación de Ecoturismo das Mariñas, Lolo Mosteiro, e o técnico Diego López, foron os encargados da presentación, que contou así mesmo coa intervención de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.
A Reserva quere atraer ao visitante” non só pola riqueza ambiental ou histórica, senón tamén polo valor da actividade propia da área, o que á súa vez redundará en desenvolvemento económico para os seus habitantes”. Así resumiu Santiso a idea do ecoturismo.
O presidente apostou de forma decidida por unha “ ósmosis” coa Coruña combinando dous valores da Unesco: o patrimonio da Humanidade da Torre de Hércules co patrimonio dunha Reserva de Biosfera.
Mosteiro destacou o papel dos establecementos hostaleiros como foco de interese para o visitante, dando valor ao traballo das producións autóctonas.
Coa campaña “ Sinte cos cinco sentidos”, a Reserva busca mostrar a experiencia vivencial que pode percibir un turista, tanto a nivel visual, como olfativo, gustativo, auditivo e sensorial. Imaxes dos 17 concellos, resaltando os grandes elementos do patrimonio natural e cultural da Reserva, pero tamén momentos únicos, como o cheiro do mar, as vistas desde as montañas, os sabores das producións.