O presidente da Reserva recolleu o premio de mans do Secretario de Estado de Turismo
A entidade coruñesa é a única de España que repite por segundo ano consecutivo no certame
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo recibiu onte no marco de Fitur 2021 a distinción ao seu proxecto de envases ecolóxicos para a comida para levar dos Restaurantes da Biosfera. O premio é como segundo finalista na categoría de Mellor proxecto de mellora Sicted 2020, iniciativa impulsada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para promocionar a calidade turística.
O presidente da Mariñas Coruñesas, José Antonio Santiso, e o técnico da Reserva, Diego López, recibiron o recoñecemento de mans do secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, e do secretario xeral da FEMP, Carlos Daniel Casares. No acto tamén estiveron presentes o vicepresidente da Reserva, César Longo, e o presidente da Asociación de Ecoturismo das Mariñas, Lolo Mosteiro.
Santiso expresou o “orgullo” que supón seguir dando pasos en “proxectos innovadores que conxugan a sustentabilidade co apoio ás pequenas empresas do territorio”. A Reserva coruñesa é a única entidade española que repite este ano nos premios, apunta o presidente, despois de obter en 2020 a distinción como destino novel.
O proxecto foi desenvolto o pasado verán, #ante a incidencia da pandemia. Os envases repartidos entre os establecementos son 100% biodegradables e 100% compostables, feitos integramente en pulpa de cana de azucre. Permiten á súa vez evitar os desperdicios de alimentos.
A Reserva entregou aos restauradores dous modelos de envases: un de 1.000 ml e outro con capacidade de 1.400 ml. Son aptos para sólidos e líquidos a altas temperaturas, salsas… así como tamén para quentar no forno e microondas.
Esta actuación contou co apoio e financiamento da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia.