Volver a noticias

Novo recoñecemento para o plan alimentario da reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

14/1/2022

Europarc-España valora o seu labor no terreo do fomento da biodiversidade e a mitigación do cambio climático

O II Premio Experiencias Innovadoras do Programa Sociedade e Áreas Protexidas de Europarc-España concedeu unha mención especial no apartado de Cambio Climático ao programa alimentario da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. O galardón distinguiuno como unha ferramenta para a creación de emprego local, o fomento da biodiversidade agraria e a mitigación do cambio climático. O plan foi presentado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos.

Máis aló diso, o premio da categoría especial de Cambio Climático recaeu no proxecto de restauración de sistemas praia-duna como ferramenta de conservación para a preservación nun contexto de cambio climático e de recuperación de fauna, no Parque Natural do Montgrí.

Ademais, o premio da categoría membros de EUROPARC-España concedeuse á implantación de medidas para compatibilizar a agricultura coa conservación de aves esteparias en varias Zonas de Especial Protección para as Aves ( ZEPA) de Castela-A Mancha.

Así mesmo entregouse un premio ex aquo a dous proxectos: a Marca de Garantía Prol-Biodiversidade, que busca dar solucións de mercado para gandeiros que conservan a biodiversidade e que foi presentado por presentado pola Fundación para a Conservación do Quebrantahuesos e que se desenvolve entre outros espazos no Parque Nacional dos Picos de Europa.

Comparte o premio con Salinas e Esteros: Socioecosistemas que conectan Vidas, presentado por SALGARCHE, Fondo para a Custodia e Recuperación da Marisma Salinera, desenvolto no Parque Natural Baía de Cádiz.

A Fundación Fernando González Bernáldez e EUROPARC-España impulsan o Programa Sociedade e Áreas Protexidas que busca impulsar un chamamento á acción e ao traballo de colaboración para abordar os «grandes retos» de conservación da natureza e os múltiples beneficios para o conxunto da sociedade, segundo informou a organización.