A aula de Natureza de Crendes loce novos equipamentos e aspecto. O Concello completou a renovación da dependencia, en funcionamento desde o 2000 e moi activa nos programas educativos e formativos, cunha axuda da Xunta de Galicia.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Abegondo e presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso, visitaron a instalación o 5 de febreiro. Ao acto tamén asistiron a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e o vicepresidente da Reserva, César Longo.
No exterior o cambio é notable. A fachada principal alberga ilustracións das especies do ano da Reserva, unha iniciativa creada para visibilizar a fauna e flora autóctonas. Foron elaboradas polo ilustrador Suso Cubeiro. Tamén se instalou un mapa cos principais puntos da Reserva de Biosfera.
A renovación da parte expositiva foi un dos piares da actuación. No interior, instaláronse novos paneis para a difusión dos espazos naturais e o patrimonio cultural, facendo especial fincapé na Reserva de Biosfera e no ENIL Ribeiras do Mero – Barcés.
Habilitouse espazo para exposicións temporais, en paneis en lona, que se poderá modificar cada ano cunha temática específica en función dos contidos que se queiran difundir. En canto a equipamentos, o proxecto contemplou a dotación de equipos para videoconferencia e proxeccións, e mobiliarios como cadeiras, mesas, moble expositor e estores para as xanelas.
Os traballos supuxeron un investimento de 41.019 euros, cofinanciados polo Concello e a Consellería de Medio Ambiente.
Neste sentido, a conselleira anunciou a publicación no Diario Oficial de Galicia dunha nova orde de subvencións aos 62 municipios que pertencen a Reservas de Biosfera, terceiro ano que o realiza. Desvelou que, a pedimento de Mariñas Coruñesas, será posible un financiamento ao 100% pola Xunta.