Volver a noticias

O CONCELLO DE CURTIS IMPULSA DIFERENTES FORMACIÓNS PARA FAVORECER O DESENVOLVEMENTO DO RURAL

14/1/2022

O Concello de Curtis acollerá unha serie de cursos formativos enmarcados no sector gandeiro e agrícola no meses de setembro e outubro. O primeiro turno será para o curso “Vacún de leite ecolóxico” organizado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (C.R.A.E.GA.) e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) e en colaboración co Concello de Curtis. Realizarase o vindeiro día 16 de setembro en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:00 horas no Edificio de Usos Múltiples de Teixiero e será impartido pola empresa Agronovo.
O obxectivo desta actividade é dar a coñecer como afecta ao sector o novo Regulamento (UE) 2018/ 848 á produción ecolóxica. Xa o 23 de setembro ás 16:00 horas realizarase a charla “Nocións básicas para o aproveitamento dos soutos” no salón de actos do recinto feiral de Curtis. Promovido pola Consellería do Medio Rural, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e o Departamento de Investigación e Transferencia e en colaboración co Concello de Curtis .
Nesta ocasión ofrecerase unha visión para que os produtores e futuros produtores de castaña orienten as plantacións aos mercados actuais. Ademais trataranse temas como a situación do sector da castaña en Galicia, a súa comercialización e industrialización ou a calidade e composición do prezo entre outros moitos. Finalmente, esta serie de cursos rematarán coa formación “As técnicas de muxido, alimentación e benestar social como factores determinantes na calidade do leite” que terá lugar os días 5,6 e 7 de outubro en horario de mañá e de tarde: de 11:00 a 13:00 e de 15:30 a 17:30 horas no Salón Multiusos do Recinto Feiral de Curtis.
O curso é promovido pola Área de Servizos Agrarios de Ferrol-Betanzos da Consellería de Medio Rural, en colaboración co Concello de Curtis e o obxetivo do mesmo é ampliar os coñecementos técnicos dos profesionais do vacún de cara a mellorar a calidade do leite. Os cursos son totalmente gratuítos e os interesados en inscribirse deben poñerse en contacto co Concello de Curtis no 981 777 105 ou no 981 789 003.
Tamén dispoñen de máis información nas seguintes ligazóns:

http://www.curtis.gal/index.php/es/noticias/4268-curso-as-tecnicas-de-muxido-alimentacion-e-benestar-social-como-factores-determinantes-na-calidade-do-leite

http://www.curtis.gal/index.php/es/noticias/4273-curso-en-curtis-sobre-o-novo-regulamento-para-a-producion-de-leite-en-ecoloxic