Uns 2.500 escolares galegos xantan en comedores ecolóxicos. Os menús das súas escolas elabóranse con produtos de proximidade e de temporada, que seleccionan especialmente para eles produtores da contorna. Os ecocomedores son unha iniciativa do Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e xa funcionan en 16 centros, entre eles o colexio de Bragade, en Cesuras, que hoxe acolleu unha xornada formativa.
Produtores, cociñeiros, familias e profesores. A implicación de todos é imprescindible para que a experiencia de comer na escola inclúa unha alimentación saudable, equilibrada e respectuosa co medio. Os ecocomedores serven menús elaborados con produtos ecolóxicos e de proximidade. Traballan baixo a premisa da temporalidade, man a man cos produtores locais. Aitor Lata é productor ecolóxico. Explica que “traballamos con moita variedade de verduras de temporada. Sérvese todo fresco, apañado do día ou do día anterior como moito”.
Hoxe elaboraron un menú completo: ensalada, lentellas e arroz con verduras. Unha boa planificación permite que optar polos produtos ecolóxicos non se traduza nun servizo máis caro. Os nenos aprenden hábitos alimentarios saudables e máis sostibles. “O obxectivo é identificar que verduras temos dipoñibles na estación e como podemos combinalas para ofrecer pratos máis variados e que sexan ben aceptados no comedor”, comenta a cociñeira Nani Moré, que impartiu esta xornada formativa.
Beatriz Ferreira dirixe a Escola Infantil Municipal A Caracola: “É unha transformación dun menú que agora mesmo está moi afastado da produción da terra, que consume produtos de lonxe e con moita proteína animal. Vimos que había ganas de cambiar e niso estamos”.
O proxecto dos ecocomedores xurdiu en 2015, dentro do Plan Alimentario da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, premiado pola Unesco. Actualmente chega a 16 centros e a uns 2.500 nenos.