O Proxecto para a redución de antibióticos na dieta de animais de porcino en ciclo industrial (FEADER 2018/001B) xurde da necesidade de establecer unha estratexia para a adaptación do sistema de produción nas granxas de porcino fronte ás novas esixencias dos consumidores, encamiñada a unha redución do uso de antibióticos na alimentación animal. A Asociación Mariñas Betanzos é unha das entidades asociadas a esta iniciativa.
A resistencia das bacterias aos antimicrobianos é un problema de saúde pública mundial que concerne especialmente ao sector gandeiro porcino. A presión á que nos últimos anos está a someterse a todos os axentes involucrados na industria porcina, levou a que se intensifique, tanto a nivel de campo como a nivel de investigación, a procura de substancias alternativas ao emprego de antibióticos con finalidade profiláctica. A retirada de antibióticos con efecto profiláctico nas explotacións porcinas terá que vir acompañada non só do emprego de substancias alternativas, senón tamén de cambios a nivel de manexo, alimentación, sanidade, control de calidade de augas, etc.
O proxecto propón facer grupos de animais, claramente identificados, collendo distintos lotes de cría nas diferentes granxas de porcino pertencentes aos socios de Coporc S.C.G., nos que se leva a cabo a supresión de antibióticos aplicando diferentes pautas de manexo:
- Seguir unha pauta de vacinación establecida.
- Aumentar a superficie dos habitáculos dos animais de forma que non estén tan acinados, coa finalidade de diminuir o contaxio de posibles enfermidades.
- Controlar as condicións ambientais, evitando cambios bruscos de temperatura.
- Probar aditivos alternativos de alimentación (prebióticos, probióticos) que favorezan o fortalecemento do sistema inmune natural dos animais fronte as afeccións máis comúns nas explotacións.
ACCIÓNS LEVADAS A CABO NA PRIMEIRA ANUALIDADE
- Previamente á implantación das pautas de manexo, realizouse a avaliación das condicións de cada unha das granxas para coñecer qué centro productivo era o idóneo para establecer cada unha das pautas de manexo, así como as enquisas de bioseguridade (deseñada polo Centro Tecnolóxico da Carne) nas granxas seleccionadas que permitirán caracterizar as diferentes explotacións en canto a manexo, condicións ambientais e sanitarias, o que permitirá identificar puntos críticos susceptibles de mellora.
- Establecéronse os diferentes grupos de experimentación e control, en cada granxa, procedendo á recollida periódica de datos (peso, verificación do estado físico dos animais, verificación do estado sanitario) para o seguimento destes plans de manexo.
- Outra das accións a desenvolver no proxecto (realizada pola USC), é a determinación da presencia de residuos de determinados antibióticos tanto en mostras biolóxicas dos animais como en mostras do penso destinado á súa alimentación. Previamente á realizar estas determinacións, nesta primeira anualidade traballouse na posta a punto dos métodos analíticos para obter o mellor método de separación dos analitos e para a posta a punto dos protocolos de extracción, está a traballarse con mostras procedentes das mesmas explotacións a estudo (feces con presenza de antibióticos, feces e penso sen antibióticos).
Socios do Proxecto:
- COPORC S.C.G.
- ASOCIACIÓN MARIÑAS-BETANZOS
- UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (LABORATORIO DE HIXIENE, INSPECCIÓN E CONTROL DE ALIMENTOS – LHICA)
- CENTRO TECNOLÓXICO DA CARNE
- ASOCIACIÓN GALEGA DE COOPERATIVAS AGROALIMENTARIAS (AGACA).