Volver a noticias

Vacaloura: Especie do Ano 2016 na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

14/1/2022
Lucanus cervus (Linnaeus 1758), en galego vacaloura, escornabois ou aforcapitos, especie protexida por varios Convenios Internacionais, é a especie de escaravello máis grande de Europa. Dá nome á súa familia de coleópteros, Lucanidae, que inclúe unhas 1.000 especies en todo o mundo, pero só 17 en Europa e 9 na Península Ibérica.

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat,promove a iniciativa sobre a Especie do Ano da Reserva de Biosfera, que consiste en nomear cada ano unha especie presente neste territorio declarado pola UNESCO, co fin de afondar no seu coñecemento. En anos anteriores este nomeamento recaeu no Gato Bravo (2014) e na Saramaganta (2015).

Para achegar máis información sobre esta especie tan característica das nosas fragas e carballeiras, elaborouse un Tríptico divulgativo, así como a web http://gnhabitat.org/vacaloura/, onde recompilar e poñer a disposición do público información sobre a mesma.

Tamén se inicia unha campaña de recollida de datos, tanto históricos como actuais, polo que se coñeces algunha cita de vacaloura en Galicia, pregamos que cubras esta ficha e nola fagas chegar por mail ou correo postal.