O LEADER é o conxunto de medidas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 que se executa baixo metodoloxía LEADER. Esta metodoloxía está a ser impulsada pola Unión Europea desde 1991 para descentralizar as políticas de desenvolvemento rural, de maneira que o territorio rural deixe de ser un simple destinatario destas políticas para converterse en protagonista do seu propio desenvolvemento.
En Galicia, nos períodos 1991-1994, 1994-1999, 2000-2006 e 2007-2013, ademais de aplicarse os programas das propias Iniciativas Comunitarias LEADER (LEADER, LEADER II e LEADER +), leváronse a cabo outros programas coa mesma metodoloxía que, por ter distintas fontes de financiamiento, recibiron distintos nomes, como PRODER, PRODER II ou AGADER, de maneira que no período 2000-2006 estivo cuberto todo o territorio rural galego con estes programas.
Todas as entidades públicas ou privadas que desenvolvan a súa actividade nas áreas territoriais definidas do ámbito económico, social, cultural, veciñal, ambiental, profesional, comunidades de montes, etc. non só poden senón que deben implicarse no programa LEADER do seu territorio.
O programa LEADER de cada territorio é deseñado e executado por un Grupo de Desenvolvemento Rural ( GDR). Trátase dunha asociación constituída por todas as entidades do ámbito económico, social, cultural, veciñal, ambiental ou profesional que desexen implicarse. Estas entidades funcionan como calquera asociación sen ánimo de lucro e deben cumprir o principio de “portas abertas” polo que están obrigadas a admitir calquera organización do seu territorio que desexe participar no programa.
O Grupo de Desenvolvemento Rural elabora unha estratexia de desenvolvemento comarcal. Nela inclúense as principais posibilidades, oportunidades e necesidades do seu territorio desde o punto de vista produtivo, económico, dotacional, social, etc. Esta estratexia preséntase á convocatoria do programa para o período 2014-2020 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) ente público xestor do programa LEADER en Galicia. O grupo conta cunha estrutura técnica que se dedica ao labor de dinamización, mobilización e promoción para aplicar a estratexia deseñada para este territorio co obxectivo de que xurdan proxectos que se poidan financiar ao amparo do programa. É o propio GDR quen se encarga de analizar e valorar os proxectos e, en función diso, o seu órgano directivo atribúe unha porcentaxe da axuda, partindo duns criterios preestablecidos. A decisión trasládaselle a AGADER que, despois de revisar que a asignación do GDR axústase á normativa, resolve a concesión da axuda.
O elemento esencial da metodoloxía LEADER é que se trata de “procesos de abaixo a arriba”. A estratexia ou programa de desenvolvemento defínese no ámbito local ou comarcal e as decisións, liñas que se propoñen, proxectos que se financian…, son tomadas nese mesmo ámbito por unións (participados) de axentes públicos e privados, os chamados Grupos de Desenvolvemento Rural ( GDR). Implica unha formulación multisectorial, tanto na dimensión económica, non só do sector primario, como no resto de dimensións sociais: equipamentos, servizos e dotacións públicas, patrimonio cultural, medioambiente, relacións sociais…Incorpórase a innovación como un elemento relevante, non entendida unicamente como elemento tecnolóxico, senón tamén como novas maneiras de enfrontar os procesos no territorio, a solución de problemas, a participación e implicación da poboación, a satisfacción das necesidades… Un último elemento definitorio da metodoloxía LEADER é o traballo en rede e a cooperación entre territorios xa que, a aposta por un medio rural vivo pasa por establecer alianzas entre os distintos territorios rurais.