PROXECTOS COOPERACIÓN

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo traballa en proxectos relacionados con diferentes ámbitos: sustentabilidade do medio rural, medio ambiente, ecoturismo ou innovación.
MEDIO AMBIENTE

INFRAESTRUTURA VERDE DA ÁREA METROPOLITANA DA CORUÑA

Infraestrutura Verde da Área Metropolitana da Coruña

A Comisión Europea está a desenvolver unha estratexia para unha Infraestrutura Verde Europea (Comunicación da Comisión Europea “Infraestrutura verde: mellora do capital natural de Europa” de 6 de maio de 2013), definida como un concepto que integra a conectividade dos ecosistemas, a protección e provisión de servizos ecosistémicos e a mitigación e adaptación ao cambio climático, asegurando a provisión sostible destes servizos e incrementando a resiliencia dos ecosistemas.”

En España a Lei 33/2015, de 21 de setembro, pola que se modifica a Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, introduce no seu capítulo III a creación da “Estrategia Estatal de Infraestrutura Verde y de la Conectividad y Restauración Ecológicas” de forma conxunta pola Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas, que ten como obxectivo a identificación e conservación dos elementos do territorio que compoñen a infraestrutura verde, para que a planificación territorial e sectorial asegure a conectividade ecolóxica e a funcionalidade dos ecosistemas, a mitigación e adaptación aos efectos do cambio climático e a restauración de ecosistemas degradados. As comunidades autónomas deberán desenvolver as directrices desta estratexia estatal nun prazo máximo de tres anos dende a súa aprobación.

En consecuencia, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, a Fundación Juana de Vega, a Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas Betanzos” e o Instituto Tecnolóxico de Galicia acordan formalizar un Convenio para o desenvolvemento da Infraestrutura Verde da Área da Coruña.

A Área Metropolitana da Coruña reúne as condicións idóneas por abarcar unha gran variedade de hábitats (litorais, fluviais, urbanos, bosques), espazos naturais protexidos, patrimonio cultural (camiño de Santiago, patrimonio dá Humanidade, BICs) que conviven cunha elevada densidade de poboación e un notable desenvolvemento económico, ao que hai que engadir algunhas experiencias previas xa exitosas, como é a Reserva dá Biosfera  Mariñas Coruñesas e Terras do Madeo. A Infraestrutura Verde da Área Metropolitana da Coruña trátase dun proxecto pioneiro en Galicia que pode asentar as bases metodolóxicas para outras zonas da comunidade.

Vídeo divulgativo da Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia

Máis información en www.infraestruturaverdecoruna.gal

Que é unha infraestrutura verde?

Unha infraestrutura verde é unha rede de zonas naturais, deseñada e xestionada para proporcionar un amplo abanico de beneficios e servizos ecolóxicos, económicos e sociais para as persoas, e que protexe a biodiversidade tanto dos espazos de valor ambiental como dos asentamentos rurais e urbanos.

Se pensas na natureza, imaxinas as carballeiras, as zonas verdes ou as sendas naturais que tes próximas. Estas áreas atópanse moitas veces conectadas entre si por bosques, zonas húmidas, rías ou ríos, creando un sistema maior. É a esta rede á que se denomina infraestrutura verde.

Ademais dos espazos naturais, tamén forman parte desta infraestrutura verde as rúas arboradas, as zonas verdes urbanas, os parques forestais, os sendeiros, e as áreas agrícolas e forestais que proporcionan outros beneficios ademais da extracción de recursos.

Por que unha infraestrutura verde?

Nas últimas décadas, a construción de redes de transporte, o aumento das zonas urbanas e periurbanas, o abandono das actividades tradicionais de usos do solo, como a agricultura,

ou a expansión de plantacións forestais monoespecíficas provocaron unha fragmentación e redución das áreas naturais que servían de refuxio e hábitat dunha serie de especies de fauna e flora de importante valor ambiental. Estas transformacións producen ademais un aumento da contaminación de auga e aire, erosión de solos, aumento de incendios forestais e  degradación da paisaxe.

Crear e conservar unha infraestrutura verde e os ecosistemas que a compoñen, impulsados pola diversidade da vida que os habita, proporciona á sociedade unha cantidade de bens e servizos de gran valor e importancia económica, tales como a auga e aire limpos, almacenamento de carbono, polinización, etc. Tamén desempeña un papel fundamental na loita contra o cambio climático protexéndonos das inundación e de outras catástrofes ambientais.

Anatomía dunha infraestrutura verde

A infraestrutura verde está composta por unha rede interconectada de diferentes elementos  ambientais que inclúen: todo tipo de zonas verdes, parques, xardíns, vexetación silvícola e riparia, arborado urbano, tellados verdes, xardinería vertical, espazos naturais, … que forman parte e potencian os procesos ecolóxicos e xeran múltiples beneficios. Esta complexa rede natural  organízase en Núcleos e Corredores.

Os núcleos son os elementos centrais que fixan a rede da infraestrutura verde, zonas de alto valor en termos de biodiversidade (diversidade de especies vexetais e animais), que constitúen o orixe e destino nos movemento a través da rede da vida silvestre e os procesos ecolóxicos. Están formados xeralmente por espazos integrados dentro da Rede Natura 2000, bosques naturais (Fragas do Eume), ríos e bosques de ribeira (río Anllóns), rías e marismas (ría de Betanzos-Mandeo), ou tramos de costa (Costa Ártabra). Tamén algunhas terras agrícolas, forestais ou zonas verdes, poden constituír núcleos, sempre que proporcionen beneficios como a biodiversidade, o ocio, mitiguen as inundacións ou purifiquen a auga. Aquelas terras que só proporcionan a extracción de recursos ou as zonas verdes de baixo valor ambiental non poderían formar parte dunha infraestrutura verde.

Os corredores forman os enlaces que conectan os centros de maior valor ambiental (núcleos), e que produce que a rede da infraestrutura verde funcione. Estas conexións funcionan como condutos biolóxicos para a vida silvestre e ademais poden proporcionar oportunidades para o ocio ou incluso para conservar o patrimonio. Os ríos e regatos, os espazos silvestres ou pouco transformados, as zonas verdes conectadas por rúas arboradas e xardíns, poden integrarse como corredores dentro da infraestrutura verde.

Existen outros elementos ambientais, que sen formar parte da rede de núcleos e corredores, poden favorecer unha infraestrutura verde, pola mellora ambiental que supoñen ou o incremento da biodiversidade que producen. Os sistemas de xestión da auga sostibles con zonas de infiltración na cidade ou nos xardíns das casas, as cubertas verdes, ou os espazos silvestres ou zonas verdes de alto valor ambiental, poderían aínda sen estar conectadas mediante corredores beneficiar aos mesmos.

Elementos da infraestrutura verde

Son moitos e variados os elementos que poden integrar unha infraestrutura verde. Entre os máis comúns podemos atopar:

Zonas protexidas, como as que conforman a Rede Natura 2000.

Ecosistemas sans e zonas de alto valor ecolóxico, como chairas aluviais, zonas húmidas, costas, pradarías, bosques naturais, etc.

Elementos naturais de alto valor paisaxístico, como pequenos cursos de auga, redutos de bosque ou sebes que poden actuar como corredores verdes.

Zonas nas que se leven a cabo actuacións para mellorar a calidade ecolóxica e a permeabilidade da paisaxe.

Elementos urbanos, como parques, rúas arboradas e cubertas verdes, que alberguen biodiversidade e faciliten a conexión entre zonas urbanas, periurbanas e rurais, mellorando o funcionamento dos ecosistemas e os beneficios que proporcionan.

Elementos que favorezan a adaptación e a mitigación do cambio climático, como marismas, bosques de chairas aluviais e lagoas (para a prevención de inundacións, o almacenamento de auga e a absorción de CO2).

Partes de hábitats recuperados ou restaurados, ben para aumentar a extensión dunha zona protexida, ben para incrementar os lugares de alimentación, reprodución ou refuxio de determinadas especies ou ben para favorecer a súa migración ou dispersión.

Elementos artificiais, tipo ecoductos ou pontes verdes, deseñados para favorecer a mobilidade das especies a través de barreiras, como autopistas ou áreas asfaltadas.

Áreas multifuncionais, onde se promovan usos do chan respectuosos co medio ambiente; podería tratarse por exemplo de espazos nos que coexisten usos agrarios, forestais, recreativos e de conservación da natureza.

Beneficios

Os ecosistemas sans e a biodiversidade que os habita, xeran beneficios ambientais e sociais, de gran valor e importancia económica.

Minimizar os efectos do cambio climático

A infraestrutura verde mitiga as inundacións e as augas de tormentas, actúa como regulador térmico, reduce a erosión do solo, prevén incendios forestais, mellora a calidade das augas e calidade do aire, e na escala global fixa carbono e gases de efecto invernadoiro entre outros.

Rexenerar territorios

A limpeza do aire, filtrado do auga, captura de contaminantes ou rexeneración de solos, mediante bosques, zonas húmidas e outros sistemas naturais e mellorar a calidade da paisaxe.

Conservar a biodiversidade e a vida salvaxe

Proporciona e protexe hábitats que fomentan a diversidade de especies e dos ecosistemas.

Beneficios sociais

Xera espazos para o recreo e recursos de ocio (praias, ríos, zonas verdes e rutas de sendeirismo), fomenta as relacións sociais, a inclusión e a cohesión (asociacións e colectivos de ciclismo, sendeirismo, pescadores, …), ou promove uso comunitario dos terreos (hortas urbanas ou zonas verdes).

Crecemento económico, investimentos e provisións

Proporciona recursos e provisión para a sociedade, como: a auga, a pesca, o marisqueo, produtos da horta, carne, leite, madeira ou mel. Ademais, revaloriza as propiedades e xera empregos relacionados co ocio ou co mantemento da infraestrutura verde.

Saúde pública e benestar

Dispoñer dun medio ambiente ben conservado e protexido, axuda e mellora o benestar social e a calidade de vida. Dispoñer dunha infraestrutura verde mellora a saúde física, a fatiga mental, ou o estrés, motivado principalmente pola mellora da calidade ambiental, polo fomento de estilos de vida activos e saudables, pero de forma moi importante polo efecto beneficioso que ten o contacto ca natureza.

Beneficios culturais

A infraestrutura verde pode supoñer unha oportunidade para a conservación do patrimonio e dos usos tradicionais do territorio, ademais é unha fonte de inspiración para o arte, a arquitectura ou a enxeñería.

Ámbito

O proxecto da Infraestrutura Verde da Área Metropolitana da Coruña naceu como unha iniciativa piloto para esta superficie da comarca da Coruña, aínda que os seus límites se foron ampliando na busca de abarcar unha zona que garde consistencia ecolóxica. Esta área reúne as condicións idóneas por comprender unha gran variedade de hábitats (litorais, fluviais, urbanos, bosques), espazos naturais protexidos, patrimonio cultural (Camiño de Santiago, patrimonio da Humanidade, BICs) que conviven cunha elevada densidade de poboación e un notable desenvolvemento económico, ao que hai que engadir algunhas experiencias previas xa exitosas, como a da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Os concellos que conviven nesta área son, de xeito total ou parcial, os que seguen: Abegondo, Aranga, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, A Capela, Carballo, Carral, Cerceda, Coirós, Curtis, A Coruña, Culleredo, Fene, Irixoa, A Laracha, Mesía, Miño, Monfero, Oleiros, Ordes, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Sada, Vilarmaior.

Obxectivos

Neste proxecto a área metropolitana de Coruña será obxecto dunha ordenación integral do territorio desde o punto de vista ambiental, na que se definirá unha rede de zonas naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade e proporcionar servizos ecosistémicos: purificación da auga e do aire, almacenamento de carbono, fertilidade do chan, aforro de enerxía, adaptación ao cambio climático,…

A definición destes espazos ambientalmente estratéxicos servirá de base para a concreción de actuacións como corredores ecolóxicos en canles fluviais, prácticas agroecolóxicas en zonas agrícolas, ecoaldeas, proxectos de mellora paisaxística, melloras na xestión da auga, creación de bosques en ámbitos degradados, planificación de zonas de inundación, espazos verdes urbanos eficientes no uso de recursos e con funcións ecolóxicas, etc.

Ademais dos evidentes beneficios ambientais e paisaxísticos, e a súa repercusión na mellora da saúde e o benestar social, a experiencia europea, e así o manifestou a Comisión Europea (CE), demostrou que as solucións de infraestrutura verde son rendibles e contribúen ao desenvolvemento económico, fomentando enfoques innovadores e creando novos negocios ecolóxicos, sendo as empresas pequenas as principais impulsoras da ecoinnovación. Segundo a CE, os empregos verdes xa representan o 5% do mercado laboral, un mercado que se verá reforzado con estas actuacións, favorecendo o impulso dunha economía e un emprego de calidade.

Liñas estratéxicas

A iniciativa de Infraestrutura Verde configúrase en 9 liñas fundamentais que marcarán a estratexia a seguir:

  1. Análise preliminar e estado da arte
  2. Análise e diagnóstico do territorio
  3. Análise da conectividade actual dos espazos de valor natural
  4. Delimitación do ámbito da infraestrutura verde
  5. Identificación e cuantificación dos servizos ecosistémicos
  6. Caracterización das diferentes zonas da infraestrutura verde
  7. Desenvolvemento de propostas de actuación
  8. Potencialidades da infraestrutura verde para o desenvolvemento socioeconómico da zona
  9. Proceso de participación pública e divulgación

Accións

Membros do proxecto

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio – Instituto de Estudos do Territorio

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural exerce, entre outras funcións: O fomento de medidas de desenvolvemento socioeconómico dos espazos naturais protexidos; A divulgación dos valores do patrimonio natural; a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, das paisaxes naturais e dos elementos senlleiros da xea da Comunidade Autónoma galega; A promoción da defensa integral da natureza e dos elementos que a compoñen; A conservación específica dos espazos que compoñen a Rede galega de espazos protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia ou doutras zonas de alto valor ambiental, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

Pola súa banda, a través do Instituto de Estudos do Territorio, organismo creado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, e cuxos estatutos foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro, exerce, entre outras funcións:

http://cmaot.xunta.gal

Fundación Juana de Vega – Escola Galega da Paisaxe

A paisaxe é obxecto dunha crecente atención social nas sociedades avanzadas nas que Galicia se vai integrando. En consonancia con esta realidade, a Fundación Juana de Vega realiza desde hai algúns anos, directamente ou en colaboración con outras entidades, diversas actividades neste eido. A importancia das actividades de formación e investigación relacionadas coa paisaxe, recomendaron que a Fundación agrupase a súa acción específica con obxecto de potenciar e mellorar a súa eficacia.

Para elo, creouse a Escola Galega da Paisaxe, un órgano interno da Fundación, dotado dun marco estable e formal, con orzamento e medios propios, que lle permiten acadar os seus obxectivos. A Escola Galega da Paisaxe, constitúese polo tanto como un órgano da Fundación Juana de Vega, encargada da organización, desenvolvemento e xestión das actividades relacionadas coa paisaxe.

A Escola Galega da Paisaxe ten por obxecto promover o estudo, a investigación, a formación, a difusión e o intercambio de coñecemento, e a sensibilización e concienciación da sociedade en materia da paisaxe e en temas con ela relacionados. Na procura dos seus obxectivos, a Escola fomentará a colaboración coas administracións públicas, as universidades, os centros de ensino, as empresas, os medios de comunicación, os colectivos profesionais e a sociedade en xeral.

http://juanadevega.org

Fundación Instituto Tecnológico de Galicia (ITG)

O ITG foi constituído en febreiro do ano 1991 como fundación sen ánimo de lucro polos Colexios Oficiais de Arquitectos; Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos e Enxeñeiros Industriais de Galicia. Ademais dos tres membros fundadores, forman parte do Padroado da Fundación o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de Galicia, o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, a Confederación de Empresarios de Galicia, os Vicerreitorados de Investigación das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e a Xunta de Galicia.

O ITG destaca na realización de actividades de investigación, así como a colaboración coas administracións públicas en materia tecnolóxica, o desenvolvemento da tecnoloxía, a divulgación dos avances tecnolóxicos, así como a prestación de servizos á administración pública en todo o referente ao estudo, investigación ou aplicación da tecnoloxía e a súa regulación, colaborando na transferencia de resultados de investigación entre organismos públicos e privados.

O Centro ten impulsado numerosas iniciativas de I+D+i, e participado en numerosos proxectos e consorcios nacionais e internacionais de I+D+i nas áreas da eficiencia enerxética e a sustentabilidade do territorio. Dende esta perspectiva, ven desenvolvendo e validando dende o ano 2006 metodoloxías e solucións tecnolóxicas para una xestión máis eficaz da integración da planificación territorial e a xestión eficiente da auga potable e o saneamento. A través destas solucións avaliáronse impactos do cambio climático ou de novas solucións urbanas sobre as infraestruturas existentes ou sobre a propia dispoñibilidade do recurso natural (auga). Finalmente atesoura unha prolongada pericia no eido do transporte e mobilidade.

http://www.itg.es/

Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos – Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo

A Asociación de Desenvolvemento Rural “Mariñas – Betanzos” constitúese no mes de xullo do ano 2008 como Grupo de Desenvolvemento Rural coa finalidade de ser o núcleo de integración e representación dos diferentes axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos, tanto públicos coma privados, interesados en promover o desenvolvemento do territorio de actuación. O ámbito territorial da asociación abarca 17 concellos: Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Coirós, Curtis, Culleredo, Miño, Irixoa, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado.

A estratexia de desenvolvemento concibida pola Asociación ten como obxectivo final a valorización do territorio, incidindo na mellora da calidade de vida da poboación local a partir da valorización do patrimonio natural, cultural e do fomento da cohesión social, e dende o ano 2013 é a entidade xestora da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Polo tanto, a atención céntrase en desenvolver e aplicar modelos para a sostibilidade mundial, nacional e local, e para que as Reservas da Biosfera sirvan de lugares de aprendizaxe onde os decisores políticos, as comunidades científicas e de investigación, os profesionais da xestión e os colectivos implicados traballen en conxunto para converter os principios globais de desenvolvemento sostible en prácticas locais apropiadas.

A superficie da Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” abarca gran parte dos concellos da área metropolitana da Coruña e ten entre os seus obxectivos mellorar a conservación ambiental e a información sobre os recursos naturais desta área xeográfica, obxectivos que coinciden coa finalidade da infraestrutura verde.

http://marinasbetanzos.gal/

Máis información en www.infraestruturaverdecoruna.gal




Que máis facemos?