Adegas Bordel é unha explotación familiar emprazada en Sarandós, no concello de Abegondo, que conta cunha longa tradición en orientacións agrícolas vinculadas fundamentalmente á produción de horta e froita.
A partir do ano 2006, coa inclusión da parroquia na ampliación da zona amparada da Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Betanzos, comeza a agromar o interese por darlle un enfoque á viticultura máis profesional, evolucionando dende unha actividade amparada na tradición e o autoconsumo.
Iníciase deste xeito un proceso de adquisición de dereitos de plantación e de implantación de novos viñedos e variedades como o Branco Lexítimo que remata no ano 2018, no que se decide crear unha pequena adega para a comercialización dos caldos elaborados.
Na actualidade, a escasa superficie dispoñible (estímase un potencial máximo produtivo de 5.000 botellas) non permite a dedicación exclusiva á actividade, senón que persegue sobre todo, a través dun modesto complemento de rendas, a recuperación de terras agrarias que se foran abandonando paulatinamente así como sementar o interese e a ilusión pola actividade a xeracións vindeiras.
As principais canles comerciais empregadas varían entre a hostalería local e comerciais especialistas do sector, tentando ter presenza en foros profesionais ou certames vitícolas.