Cinco viticultores xuntáronse para recuperar viñas abandonadas, e as están a recuperar coa variedade máis senlleira da zona, o branco lexítimo, que é unha casta practicamente exclusiva nesta comarca, e foi a paixón por ela, precisamente, a que os xuntou neste proxecto.
Ángel Pedreira Vieiro, José Luis Bouzón Beade, Juan Naveira Presedo, Pablo Fernández Coroas e Ricardo Rilo Rodríguez son 5 emprendedores que crearon Conexión Mandeo co propósito de recuperar antigas fincas de viñedos, cultivar vides e crear un novo viño.
Exaltan a calidade dunha variedade ancestral cuxas primeiras cepas apareceron en Paderne.
O branco lexítimo ten un potencial importante na elaboración de viños secos, debido a súa acidez, vale tamén para facer viños espumosos e en anos no que o outono sexa seco, hai a posibilidade de facer viño doce, viños de vendimia tardía. É unha variedade moi versátil.
Non traballan con antibotriticos porque logo na bodega pódenlle dar problemas na fermentación, xa que non utilizan produtos químicos para que o viño fermente.
Seleccionan unha parte da colleita para fermentar en barrica de madeira e outra parte en depósitos de aceiro, logo ensamblan esas dúas partidas e seguen ca crianza durante case un ano para darlle máis recorrido ao viño. E despois aínda deixan en crianza en botella para que o viño aguante máis tempo no mercado (4 ou 5 anos). Así elaboran o seu viño bandeira o “Alicerce” un monovarietal de branco lexítimo con un pequeno toque de Agudelo e de Godello.