Adrián é un mozo da parroquia de Sarandóns que converteu o paulatino abandono das terras da súa parroquia nunha oportunidade. Viña tempo observando que en Bordel (parroquia de Sarandóns – concello de Abegondo) cada ano quedaban máis parcelas de labradío sen traballar.
É entón cando decide iniciarse na produción hortícola como un medio de traballo que ao tempo que lle proporcionaba un emprego lle permitía cumprir unha das súas ilusións: poñer en valor as terras agrarias da súa parroquia.
Tras adquirir experiencia en parcelas familiares, a principios do ano 2018 outorga á súa actividade un carácter profesional ao inscribirse no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.
Actualmente ten en produción uns 8.000 m2 ao aire libre, tendo pendente de incorporar en breve entre 2-3 hectáreas máis.
A súa carteira de clientes repártese entre pequenas froiterías da cidade da Coruña e establecementos de hostalería de concellos limítrofes.
Unha vez teña adquirida certa estabilidade nas ventas, ten previsto iniciar tamén a produción baixo abrigo.