Tras pasar por múltiples experiencias laborais, Gustavo e Leticia tomaron a decisión de dedicarse profesionalmente á unha das súas paixóns, o traballo no campo. Aínda que traballos anteriores tan dispares como a hostalería ou actividades socioculturais non tiñan nada que ver coa horta, os vínculos familiares co rural así como unha concienciación pola preservación do medio ambiente motivaron que en marzo de 2016 Gustavo solicitara ás axudas da Cosellería do Medio Rural para a incorporación de agricultores mozos e a inscrición das parcelas dispoñibles no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.
Na actualidade dispoñen de varias parcelas nas parroquias de Lañas e Suevos, ámbalas dúas no concello de Arteixo. Parte das mesmas son propias, outra parte as traballan en réxime de cesión por parte de familiares e ademais dispoñen dalgunha outra en aluguer. En total traballan 1.020 m2 de invernadoiros e algo máis de 7.000 m2 ao aire libre.
Como un detalle que remarca o seu respecto pola produción sostible, cómpre destacar que na explotación contan cun sistema de recollida de pluviais que almacenan nun alxibe para a súa posterior utilización na rega por goteo dos cultivos.
Canalizan as súas vendas por medio de tendas especializadas en produtos ecolóxicos e o comedor colectivo dunha grande empresa emprazada no seu concello.