Os Biosbardos – Cultura de Leira, é un proxecto pensado dende as raíces profundas da Permacultura, que medra no solo fértil da agregación de valor ao produto e é regado coa visión que aporta o “pensar global, actuar local”.
Procuran o cultivo de alimentos ricos tanto organolepticamente como en información sobre si mesmos: buscan un cliente namorado da calidade, que demande e valore produtos de horta con garantías: de orixe, de tipo de cultivo, de tratamento, de economía do ben común, etc., así como cun interese consciente no consumo de proximidade e na economía circular.
Conscientes da realidade actual, apóstase pola innovación tecnolóxica co obxectivo de conseguir que o proxecto sexa escalable a calquera nivel e poida acercar a revolución dixital ao mundo das leiras.
Os Biosbardos inician o seu camiño coa transformación dun conxunto de leiras cunha superficie total de 5 ha no lugar de Lendoiro (Cambre), aínda que polo momento soamente teñen en produción arredor de 4.000 m2, e atopándose na actualidade (outubro 2019) en período de conversión cara a agricultura ecolóxica.
Os principais cultivos obxectivo de este inicio de andadura son: acelga, brócoli, col, coliflor, ourego, porro, rúcula, tomillo, kiwi, remolacha, rabaniños, grelos, chícaros, fabas e tomate. Están ademais a probar con algunhas variedades de froiteiras como avelá, maceira, perereira ou melocotón, con previsión de introducir tamén pouco a pouco froitos vermellos.
Trátase dun proxecto para a súa posta en marcha total nun horizonte de 3-5 anos.